de Cesáreo Sánchez Iglesias
Para público en xeral
15/06/2017
Xa rematou
19:30 h
"Tempo transfigurado: o canto das sereas" é o novo poemario de Cesáreo Sánchez Iglesias, publicado na colección Tambo do selo Faktoría K de Libros, de KALANDRAKA. Presentarase este xoves 15 de xuño na libraría Moito Conto (San Andrés, 35) da Coruña nun acto aberto ao público no que o autor estará acompañado pola poeta Estíbaliz Espinosa e polo director de Tambo, Luis Rei Núñez.
Con esta obra, Cesáreo Sánchez Iglesias emprende unha viaxe -da que fai partícipe o público- arredor da música: os 70 poemas deste libro están inspirados nas melodías doutros tantos compositores, de moi diversas cronoloxías e estilos, dende Schubert e Vivaldi ata Bob Dylan e Patti Smith, pasando por Marcial del Adalid e Andrés Gaos. Os instrumentos, comezando pola voz, os temas que conforman a banda sonora da humanidade, e mesmo as biografías dos creadores, están presentes nos seus versos.
Paralelamente, o poeta evoca a pegada das persoas que amou e que o amaron, facendo de "Tempo transfigurado" un crisol de sentimentos e de sensacións pasadas. Trátase dun camiño interior lírico no que o autor aborda a soidade, a aceptación das orfandades emocionais e a instrospección.
Activista cultural de ampla traxectoria, fundando e encabezando colectivos comprometidos con Galicia, Cesáreo Sánchez Iglesias foi director de edicións de A Nosa Terra e actualmente preside a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), cargo no que sucedeu a Uxío Novoneyra. Estreouse como poeta en 1978 coa obra "Silencios e conversas de inverno"; dende entón, vén sendo fiel a este xénero literario ao longo das últimas catro décadas, publicando títulos tan sobranceiros como "Ortigas da memoria" (1985), "O rostro da terra" (1996), "O rumor do distante" (2001, Premio Esquío), ou "Caderno do Nilo" (2013, Premio Losada Diéguez).
"Tempo transfigurado" é o décimo volume de Tambo, onde tamén se publicaron os poemarios dos galegos Manuel Álvarez Torneiro -Premio Nacional de Poesía 2013-, Xavier Seoane, Martín Veiga, Luis Rei Núñez, do catalán Antoni Marí ou do vasco Joseba Sarrionandia, entre outros autores.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible