As familias con menores de 10 anos que asistan aos programas infantís poderán levar este método indirecto para observar o Sol
Para público en xeral
Dende o 24/07/2026 ata o 12/08/2026
Nas sesións de planetario das 11.30 ás 17.00 h
Quedan menos de tres semanas para que A Coruña viva unha eclipse total de Sol o vindeiro mércores 12 de agosto, un evento natural único que non poderá volver observarse desde a cidade ata o ano 2180. A eclipse comezará preto da posta da sol, ás 19.30.50, alcanzará a fase máis espectacular, a de totalidade, ás 20.27.35, cunha duración de pouco máis dun minuto, e rematará por completo ás 21.21.54.
Durante todo o fenómeno, agás no breve momento da totalidade, non debe mirarse directamente ao Sol, xa que é posible perder visión. Os ollos deben protexerse con lentes de eclipse ou usando métodos indirectos de observación, como retransmisións do fenómeno na Internet ou usando caixas estenopeicas, que proxectan a luz solar. Hai que ter especial precaución cos nenos e nenas máis pequenos, xa que os seus ollos son moi sensibles aos raios solares e non lles encaixan ben as lentes de eclipse, polo que non está recomendado que as usen sen supervisión adulta. Por este motivo, desde este venres 24 de xullo, a Casa das Ciencias repartiralle ás familias con menores de 10 anos que acudan ás sesións infantís de planetario das 11.30 h e as 17.00 h, caixas de ver eclipses automontables, para que as constrúan en casa e despois poidan utilizalas o día da eclipse. Esta é unha iniciativa desenvolvida en colaboración coa Agrupación Astronómica Coruñesa Ío.
Hai moitos tipos de caixas estonopeicas, ademais da que se vai a repartir nas sesións do Planetario. Na canle oficial dos Museos Científicos Coruñeses en Youtube pódese consultar o proceso para a creación doutros modelos.
Os Museos Científicos Coruñeses contan ademais na súa web cunha páxina completa con toda a información que se precisa para observar a eclipse da maneira máis segura.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible