Uso de cookies nas páxinas web do Concello da Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante a análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso".

Concello da Coruña

Coronavirus - Protocolo Persoal Municipal

Protocolo Persoal Municipal

NOVO PROTOCOLO/INSTRUCIÓN DE MEDIDAS PARA A ACTUACIÓN DO PERSOAL EMPREGADO PÚBLICO DO CONCELLO DA CORUÑA DIANTE DA PANDEMIA DO CORONAVIRUS (COVID-19) 

En liña co Real decreto lei 6/2020, do 10 de marzo, polo que se adoptan determinadas medidas urxentes no ámbito económico e para a saúde pública a nivel estatal, por decreto da Alcaldía do Concello da Coruña, ditado o 12 de marzo de 2020, acordouse, entre outras medidas, o peche de instalacións de titularidade municipal.

Asi mesmo por outro Decreto da Alcaldía, da mesma data, 12 de marzo, declarouse a situación de extraordinaria e urxente necesidade como consecuencia da pandemia provocada polo COVID 19, a adopción das medidas precisas para garantir a seguridade e salubridade públicas así como o funcionamento dos servicios imprescindibles, facultando expresamente o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior para dispoñer de cantos medios materiais e persoais fosen necesarios para dar cumprimento ao devandito decreto.

Facendo uso desta delegación, o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, xunto coas competencias que ten delegadas pola Xunta de Goberno Local en materia de persoal, pola resolución ditada o 13 de marzo de 2020, aprobou un Protocolo/Instrución mediante o que se adoptaron as medidas de actuación para o persoal municipal do Concello da Coruña, como consecuencia da evolución da pandemia do coronavirus COVID 19.

O Goberno de España declarou o estado de alarma para a xestión da situación de crisis sanitaria ocasionada polo COVID 19, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, publicado no BOE núm. 67 da mesma data.

A Xunta de Galicia acordou declarar a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e activar o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), acordo que se publicou no DOG núm. 50 bis, do 13 de marzo.

O Protocolo/instrución, aprobado o pasado venres e comunicado ao conxunto de empregadas/os, contemplaba as modificacións oportunas para adaptalas á evolución da situación e ás medidas acordadas polo Goberno de España e a Xunta de Galicia.

Dada a evolución da pandemia e o conxunto de resolucións adoptadas polas autoridades competentes, faise preciso aprobar este NOVO PROTOCOLO/INSTRUCIÓN, que deixa sen efecto o aprobado o pasado 13 de marzo.

O novo Protocolo/instrución contempla as medidas que rexerán as actuacións do persoal empregado público do Concello da Coruña, para contribuír á contención da enfermidade, garantindo ao mesmo tempo o mantemento da prestación dos servizos públicos esenciais.

De conformidade co exposto, ACÓRDASE:

Primeiro.- A atención á cidadanía, con carácter xeral, canalizarase a través do servizo 010, sen prexuízo daquelas comunicacións que poida decidir establecer a Alcaldía-Presidencia en uso das súas atribucións.

Os servizos de Rexistro e Atención Cidadá funcionarán só por medios telefónicos e telemáticos. 

Non se poderá acceder por parte da cidadanía ás oficinas dos diversos servizos municipais.

Segundo.- Todas/os as/os empregadas/os públicas/os cuxas funcións permitan o seu desenvolvemento a distancia prestarán o servizo dende os seus domicilios na modalidade de traballo non presencial. Para tales efectos, a Administración facilitará fórmulas de teletraballo ou de traballo a distancia, sempre que o permita a dispoñibilidade técnica.

Terceiro.- Todas/os as/os empregadas/os públicas/os que realicen funcións que non se poidan desenvolver mediante o traballo non presencial deberán permanecer nos seus domicilios, quedan as súas actividades suspendidas temporalmente, salvo que desempeñen funcións de carácter esencial.

Este persoal deberá estar localizable e acudir presencialmente aos seus lugares de traballo cando o desempeño das súas funcións así o esixa ou determine o persoal directivo (concelleiros/as-delegados/as, directores/as de área ou xefes/as de servizo), nos horarios que se concreten.

Cuarto. En todo caso, considéranse funcións de carácter esencial os mercados municipais, os servizos relacionados coas tecnoloxías da información e a comunicación; a limpeza viaria e a recollida de lixo; os servizos de benestar social e atencións ás persoas vulnerables; a seguridade cidadá (policía local, bombeiros e proteccións civil); todas aquelas que determine a alcaldía e/ou as respectivas concellerías-delegadas por considerarse necesarias para garantir a continuidade dos servizos públicos esenciais.

Asemade as desempeñadas polo persoal directivo (alcaldía, concelleiros/as-delegados/as, directores/as de área ou xefes/as de servizo, oficialía maior, tesourería, intervención e secretaría xeral), así como a atención cidadá (010 e rexistros).

Quinto.- Naqueles casos en que as funcións de carácter esencial deban desempeñarse presencialmente, a respectiva concellería-delegada establecerá as quendas necesarias para garantir a prestación do servizo e minimizar ao máximo o risco de contaxio laboral, arbitrando medidas organizativas para a protección da súa saúde e reordenando os espazos. Tamén se facilitará que o persoal con menores ou persoas maiores dependentes ao seu cargo poida atendelos.

Sexto.- Todas/os as/os empregadas/os permanecerán localizables e deberán reincorporarse aos seus postos de traballo de forma presencial se así se require por necesidades do servizo.

Sétimo.- En aplicación do Real decreto 463/2020, polo que se declara o estado de alarma, suspéndense os termos e interrómpense os prazos para a tramitación dos procedementos desta Administración municipal e do conxunto das entidades do sector público municipal. O cómputo de prazos reiniciarase no momento en que perda vixencia este acordo ou, de ser o caso, as súas prórrogas.

No mesmo sentido, en relación cos procedementos do Concello da Coruña e do sector público municipal quedan suspendidos os prazos de prescrición e caducidade en execución do previsto no devandito RD 463/2020.

Oitavo.- Mecanismos de información para o persoal

No caso de dúbidas ou necesidade de información para a/o empregada/o pública/o municipal, a Xunta de Galicia ten habilitado o seguinte teléfono gratuíto: 900 400 116. 

Noveno.- Medidas xerais para protexerse do coronavirus

As principais medidas para protexerse da infección do virus son as seguintes: 

- Lavar as mans frecuentemente con auga e xabrón ou utilizar unha solución hidroalcohólica. 

- Evitar tocar os ollos, o nariz e a boca. 

- Ao tusir, cubrir a boca cun pano desbotable ou contra o brazo co cóbado flexionado. 

- Continuarase trasladando a todo o persoal a información existente sobre o virus, as vías de transmisión e as medidas de prevención individuais que convén tomar, facendo especial fincapé nas medidas hixiénicas (poñeranse carteis informativos tanto para o persoal como para os/as visitantes). 

- Estableceranse quendas de traballo para minimizar o tempo de exposición do persoal que teña que acudir presencialmente ao seu posto de traballo. 

- Manterase a distancia mínima dun metro en xeral e evitarase o contacto físico. 

- Manterase o reforzo da limpeza das instalacións, especialmente as zonas susceptibles de transmisión do virus, con produtos desinfectantes. 

- Continuarase coa subministración dos elementos necesarios para a hixiene do persoal (xel hidroalcóholico e xabrón).  

Décimo. Sintomatoloxía da enfermidade

Os síntomas máis comúns da enfermidade polo coranovirus son febre, tose, dificultade respiratoria ou dispnea. 

Se os síntomas aparecen no seu domicilio, o/a empregado/a público/a porase en contacto co 900 400 116, non acudirá ao centro de traballo e comunicaralles á súa unidade e ao Departamento de Saúde Laboral (ext. 11090, 11099 saludlaboral@coruna.es) esta situación, e considerarase a súa ausencia como xustificada. 

É obrigatorio que o/a empregado/a público/a lles traslade ao seu superior xerárquico e ao Departamento de Saúde Laboral as pautas que lle marcasen as autoridades sanitarias co fin de poder adoptar, de ser o caso, medidas preventivas. 

Se os síntomas aparecen no posto de traballo, o/a empregado/a público/a deberá informar inmediatamente o seu superior xerárquico e o Departamento de Saúde Laboral, trasladarase inmediatamente a un espazo pechado (preferiblemente, un despacho pechado con ventá) e porase en contacto co 900 400 116 para adoptar as medidas que indiquen as autoridades sanitarias. 

As persoas responsables do persoal das unidades afectadas ditarán as instrucións necesarias para que se proceda a ventilar ben o despacho e as zonas onde estivo a persoa que presentou síntomas, e limparanse cunha solución de hipoclorito sódico (lixivia) con auga as zonas coas que o/a traballador/a estivo en contacto.  

A persoa responsable das unidades afectadas deberá elaborar unha listaxe de persoas e zonas coas que a persoa afectada tivera contacto, e remitilo ao Departamento de Saúde Laboral do concello. 

Respecto ao resto de empregadas/os públicas/os que compartisen espazo de traballo coa persoa que puidera presentar síntomas da enfermidade, adoptaranse as medidas preventivas que fixe o órgano competente da Consellería de Sanidade.  

En todos os casos indicados é obrigatorio que a persoa que presenta síntomas de enfermidade chame ao 900 400 116 e cumpra as pautas indicadas.  

Do mesmo xeito, o/a empregado/a público/a deberá poñer en coñecemento do seu xefe ou xefa directo/a as pautas que lle marcou o 900 400 116 e, no caso de que fixese a proba para determinar se está contaxiado, é obrigatorio que informe do resultado. 

Undécimo.- Persoal especialmente sensible

Adoptaranse medidas para que o persoal especialmente sensible se poida ausentar do posto de traballo, no caso de que forme parte dos servizos esenciais que requiran presencia física. Enténdese persoal especialmente sensible o seguinte: 

- Empregados/as públicos/as con patoloxías concorrentes ou enfermidades crónicas. 

- Empregadas públicas embarazadas. 

- Empregados/as públicos/as con fillo/s menores de idade ou con persoas dependentes ao seu cargo. 

Igualmente, incluiranse neste colectivo aqueles/as empregados/as públicos/as que se determinen en atención ás súas circunstancias persoais. 

DuodécimoProbas selectivas

Queda suspendida a realización de todos os procesos selectivos en curso ata nova comunicación. 

Décimo terceiroReunións

Quedan suspendidas todas as reunións agás as que sexan expresamente autorizadas, por razón de urxencia o interese xeral, pola Alcaldía-Presidencia ou concellaría delegada de Réxime Interior.

Décimo cuarto.- Estas medidas de carácter extraordinario terán a duración imprescindible para dar resposta á situación que motivou a súa adopción e poderán ser revocadas por necesidades do servizo e, en todo caso, cando cesen as recomendacións das autoridades sanitarias.

Décimo quinto.- Esta resolución aplícase ao persoal do IMCE e trasládase aos seguintes entes instrumentais: EMALCSA, EMVSA, Consorcio da Música, Consorcio de Turismo, Fundación Luis Seoane e Fundación de EMALCSA.

Décimo sexto. A presente resolución, que deixa sen efecto o Protocolo/instrución aprobado o 13 de marzo, comunicarase ao conxunto do persoal empregado público, así como aos entes integrantes do sector público municipal para que procedan a adoptar as resolucións necesarias.

A Coruña, 15 de marzo de 2020

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión