3 de noviembre de 2020
A concelleira Yoya Neira sinalou que están traballando con todas as entidades sociais para proveren de recursos habitacionais e darlles resposta ás primeiras necesidades das persoas máis vulnerables
A concelleira de Igualdade, Yoya Neira, presentou esta mañá novas medidas para esta segunda onda da Covid-19, en que destaca un dispositivo valorado en 50.000 euros ao mes para que as persoas sen fogar teñan a opción de se quedaren nun hostal durante o toque de queda. A edila presentou un conxunto de medidas que amosan o compromiso do goberno de Inés Rey para garantir o benestar e a seguridade das e dos coruñeses máis vulnerables.
Neira explicou que o edificio ten capacidade para 33 prazas distribuídas en 24 habitacións e que haberá posibilidade de habilitar camas para usuarias/os que teñan que permanecer illadas/os en caso de se detectar un caso positivo. Así mesmo, unha delas estará acondicionada para persoas con mobilidade reducida. Desde a concellería proporcionaráselles a todas e todos os beneficiarios non só un lugar en que durmiren, tamén o servizo de aseo, almorzo e cea. Para os xantares, utilizaranse os demais recursos dispoñibles.
O acceso ao dispositivo farase logo da derivación previa dos equipos técnicos municipais, que estudarán antes cada caso e que "están traballando cóbado con cóbado coas entidades sociais desta cidade". Neira recordou que hoxe se reuniron coas institucións que dan resposta ás primeiras necesidades da veciñanza de tipo alimenticio e aseo e que a semana pasada o fixeron coas que ofrecen habitacionalidade co fin de saber a situación de todas elas e as prazas e recursos dos que dispoñen. Canto ao hostal, sinalou que haberá persoal durante as 24 horas do día que se repartirán en catro quendas máis o persoal técnico municipal.
Por outra parte, o equipo de rúa (Abeiro) e o SEMUS seguirán traballando na rúa coas coruñesas e coruñeses que non queiran utilizar o novo servizo. Engadiu que de haber un novo confinamento, xa sexa brando ou duro, "temos previsto pór en marcha o pavillón de Riazor" con toda a dinámica anterior de colaboración co Sergas e un servizo medico para PCR, así como de intervención social. Outra das cuestións que barallan é a necesidade de darlles acubillo ás vítimas de violencia doméstica nunha casa de acollida que reforce a municipal, "en meses anteriores, contamos cun dispositivo cedido por unha entidade relixiosa. A colaboración foi absoluta e alí quedaron dúas mamás e catro nenos".
Ademais, Yoya Neira adiantou que ampliarán o Programa de Canguros Municipais dando a opción de darlles asistencia domiciliaria por primeira vez ás e aos fillos que teñan que quedaren confinadas/os na casa por haber un positivo nas súas aulas. Por outro lado, afirmou que se reactivará a liña de teléfono Acompáñote, que se puxo en marcha con parte do voluntariado co fin de mellorar a saúde emocional das persoas maiores: "Estamos detectando a necesidade de falar e relacionarse e vemos que cada vez é máis complicado polos peches dos centros".
Neira falou hoxe dunha terceira onda despois da afluencia de demanda en agosto dos servizos sociais que teñen que estaren preparados para todo o que poida vir. Neste punto, agradeceulle de novo ao voluntariado o esforzo realizado, "son un buque insigne da Coruña con protagonismo propio ao se xuntar 534 cooperantes en 24 horas, das e dos que 71 seguen activas/os". Na actualidade, contou que a Escola de Participación ofrece 1.800 horas de formación neste campo, cunha atención especial á asistencia a persoas con COVID tanto para entidades como para particulares: "Céntrase en primeiros auxilios e en como atender cuestións básicas como a recollida do lixo de casas en que viva algún caso positivo". A concelleira afirmou que todos estes programas non serían posibles sen elas/es e sen as entidades sociais coas que manteñen un contacto diario. Neira recordou que a directriz da alcaldesa é a da colaboración absoluta coas administracións competentes na xestión da pandemia porque "cando somos capaces de traballar polo ben común, conséguese".
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible