Concello da Coruña

Concello da Coruña

RGPD

Nesta páxina

Información xeral

I. INTRODUCIÓN

A visita ao Portal de internet e, se é o caso, sede electrónica do CONCELLO DA CORUÑA faise, inicialmente, en forma anónima. Soamente para poder acceder a algún dos servizos da web que dispoñan de xestión ou trámite específico, os usuarios e as usuarias subministrarán os datos persoais imprescindibles para a prestación do servizo solicitado. Estes datos incorporaranse ás correspondentes actividades de tratamento do CONCELLO DA CORUÑA e serán tratados coa finalidade específica de cada tratamento, de conformidade, principalmente, coa regulación establecida polo Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos) e a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (LOPDGDD).

O Portal do que é titular o CONCELLO DA CORUÑA contén ligazóns a sitios web de terceiros, cuxas políticas de privacidade son alleas á do CONCELLO DA CORUÑA. Ao acceder a tales sitios web vostede pode decidir se acepta as súas políticas de privacidade e de cookies. Con carácter xeral, se vostede navega por Internet pode aceptar ou rexeitar as cookies de terceiros desde as opcións de configuración do seu navegador.

II. INFORMACIÓN XERAL SOBRE A SALVAGARDA DA PRIVACIDADE E PROTECCIÓN DE DATOS

A continuación, o CONCELLO DA CORUÑA informa, de maneira xeral, acerca da salvagarda da privacidade e da protección dos datos de carácter persoal aplicada ás actividades de tratamento que efectúa a nivel do Portal e Sede electrónica, así como por outros medios:

  1. Quen é o Responsable do tratamento dos seus datos persoais?

O CONCELLO DA CORUÑA é quen ostenta a condición de Responsable de Tratamento, estando asesorado e supervisado polo noso Delegado/a de Protección de Datos delegadodeprotecciondedatos@coruna.gal

  1. Para que tratamos os seus datos persoais?

Os datos que se nos facilitan, así como calquera outro xerado durante o desenvolvemento da relación coa persoa cidadá/interesada, podémolos tratar para distintas finalidades en función dos servizos públicos que sexan obxecto de prestación e, en todo caso, para manter o contacto e a comunicación con esta e xestionar a prestación dos servizos demandados ou prestados polo CONCELLO DA CORUÑA.

No seu caso, finalidades máis explícitas e concretas poden indicarse nas cláusulas informativas incorporadas en cada unha das vías de toma de datos (formularios web, formularios en papel, locucións ou carteis, e notas informativas) para supostos concretos. En todo caso, pode consultar o rexistro de actividades de tratamento de datos de carácter persoal que efectúa o CONCELLO DA CORUÑA, co fin de poder saber os usos ou finalidades concretos de cada tratamento de datos persoais no  Rexistro de Actividades do Tratamento - Concello de A Coruña

  1. Cal é a base xurídica que lexitima o tratamento dos seus datos persoais?

É dicir, que fundamenta ou habilita que poidamos tratar os seus datos persoais? A base xurídica que nos lexitima para o tratamento dos seus datos pode ser diversa:

  1. Normalmente, no sector público, a lexitimación reside na necesidade de cumprimento dunha obriga legal, dunha misión realizada en interese público ou no exercicio das competencias ou poderes públicos outorgados ao CONCELLO DA CORUÑA.
  2. E, se é o caso, a execución dun contrato do que Vde. sexa parte, en condición de contratista ou adxudicatario, como o consentimento que, se for o caso, poida terse requirido para o tratamento dos seus datos persoais.

En todo caso, para saber cal é a base/s xurídica/s que lexitima/n o tratamento dos seus datos persoais, pode consultar máis información no  Rexistro de Actividades do Tratamento - Concello de A Coruña

A achega dos datos que solicitamos é obrigatoria porque son imprescindibles para atender a súa petición ou prestar os nosos servizos; se non nolos achega, non poderemos levala a cabo ou prestalos.

No caso de que o tratamento estea baseado no seu consentimento, este entenderase outorgado de forma inequívoca, e considerarase a dita achega un acto afirmativo claro pola súa banda, que manifesta o devandito consentimento.

No caso de que comunique datos persoais doutras persoas físicas debe respectar a súa privacidade. Só o seu titular pode autorizar o tratamento dos seus datos persoais. Vde. estará lexitimado/a a tratar os datos persoais doutras persoas físicas, no caso de que actúe en calidade de representante legal ou voluntario ou, no caso de que, en coñecemento deles, se transmitan para a denuncia ou reivindicación de dereitos fronte a ela. A publicación de datos de terceiros sen o seu consentimento pode infrinxir, ademais da normativa sobre protección de datos, a relativa ao dereito á honra, á intimidade ou á propia imaxe dos devanditos terceiros.

  1. Por canto tempo conservamos os seus datos persoais?

En xeral, os datos persoais que se nos achegan conservarémolos para manter un historial de atención, e xestionar os nosos servizos de forma eficiente, e mentres a persoa interesada non solicite a súa supresión. Mesmo solicitada a supresión, manteranse bloqueados durante o tempo necesario, e limitando o seu tratamento, unicamente para algún destes supostos:

  1. Cumprir coas obrigas legais/contractuais de calquera tipo a que esteamos sometidos.
  2. E/ou durante os prazos legais previstos para a prescrición de calquera responsabilidade pola nosa banda.
  3. E/ou o exercicio ou a defensa de reclamacións derivadas da relación mantida coa persoa cidadá/interesada.

En todo caso, pode obter máis información, en función da actividade de tratamento de datos persoais de que se trate, no noso rexistro  Rexistro de Actividades do Tratamento - Concello de A Coruña

  1. Quen poden ser cesionarios ou destinatarios dos seus datos persoais?

Os datos que nos proporciona poderán ser cedidos ou comunicados a outras entidades, públicas ou privadas, ás que fose obrigatoria ou necesaria a transmisión para a consecución dos fins determinados e lexítimos.

Pode obter máis información de quen pode ser destinatario ou cesionario, en función de que actividade de tratamento de datos persoais se trate, no noso Rexistro de Actividades do Tratamento - Concello de A Coruña .

  1. Seguridade dos datos persoais

De conformidade coa Disposición adicional primeira da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, as medidas de seguridade, técnicas e organizativas, adoptadas polo CONCELLO DA CORUÑA e destinadas para salvagardar a confidencialidade e protección dos datos persoais, evitando a súa perda, alteración ou acceso non autorizado, son as establecidas no Anexo II do Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade no ámbito da administración electrónica (ENS).

  1. Normativa aplicable

Regulamento xeral de protección de datos (RXPD). Norma de aplicación directa en toda a Unión Europea, relativa á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos. Ligazón ao BOE.

Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (LOPDGDD). Norma que ten por obxecto a adaptación do ordenamento xurídico español ao RGPD, completar as súas disposicións e garantir os dereitos dixitais da cidadanía. Ligazón ao BOE.

Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade no ámbito da administración electrónica  (ENS). Ligazón ao BOE.

Uso de cámaras de vixilancia

Información particular sobre o uso de cámaras ou videocámaras de vixilancia por parte do Concello da Coruña.

I. VIDEOVIXILANCIA EN EDIFICIOS E INSTALACIÓN

Coa finalidade de garantir a seguridade de bens, instalacións e dependencias, así como das persoas, que traballan ou acceden a elas, o CONCELLO DA CORUÑA informa que colocou cámaras ou videocámaras de vixilancia.

Trátase de dispoñer dunha medida de anticipación e prevención fronte a posibles riscos, perigos ou infraccións, que afecten a persoas, bens e instalacións. As imaxes captadas polos sistemas de videovixilancia son tratadas polo CONCELLO DA CORUÑA como responsable do tratamento.

A licitude do tratamento está baseada no artigo 6.1.e) do RGPD: o tratamento é necesario para o cumprimento dunha misión realizada en interese público ou no exercicio de poderes públicos conferidos ao responsable do tratamento, con base na Lei orgánica 4/2015, do 30 de marzo, de protección da seguridade cidadá.

As imaxes (datos persoais) conservaranse durante o prazo máximo dun mes, salvo que deban bloquearse, para a posta ao dispor das autoridades públicas competentes, en caso de captar feitos ilícitos ou irregulares.

As imaxes poderán ser cedidas, se fose o caso, a forzas e corpos de seguridade, así como a xulgados ou tribunais. Non están previstas transferencias a terceiros países ou organizacións internacionais, salvo por obriga legal.

Para o exercicio dos dereitos de acceso ou supresión das imaxes da súa persoa (ou, de ser o caso, do seu representado)] deberá achegar (ademais da información citada no apartado específico da web) unha fotografía actualizada, co fin de poder ser identificado, se é o caso, nas imaxes gravadas. Así como, indicar, da forma máis aproximada posible, a/s data/s, hora/s e lugar/es nas que, supostamente, foi obxecto de gravación.

II. VIDEOVIXILANCIA E SEGURIDADE CIDADÁ

O CONCELLO DA CORUÑA, en calidade de responsable, informa de que as imaxes captadas polos sistemas de videovixilancia, colocados en espazos ou lugares públicos, teñen a finalidade de garantir a seguridade, os dereitos, liberdades e seguridade da cidadanía.

A licitude do tratamento está baseada no artigo 6.1.e) do RGPD: o tratamento é necesario para o cumprimento dunha misión realizada en interese público ou no exercicio de poderes públicos conferidos ao responsable do tratamento, conforme á Lei orgánica 4/1997, do 4 de agosto, pola que se regula a utilización de vídeocámaras polas forzas e corpos de seguridade en lugares públicos.

As imaxes poden ser cedidas a outras forzas e corpos de seguridade, así como aos xulgados e tribunais. Non están previstas transferencias a terceiros países ou organizacións internacionais, salvo por obriga legal.

As imaxes (datos persoais) conservaranse durante o prazo máximo dun mes, salvo que deban bloquearse para a posta ao dispor das autoridades públicas competentes, en caso de captar feitos ilícitos ou irregulares.

Para o exercicio dos dereitos de acceso ou supresión das imaxes da súa persoa (ou, se fose o, do seu representado) deberá achegar (ademais da información citada no apartado específico da web) unha fotografía actualizada, co fin de poder ser identificado, se é o caso, nas imaxes gravadas. Así como, indicar, da forma máis aproximada posible, a/s data/s, hora/s e lugar/es nas que, supostamente, foi obxecto de gravación.

III. VIDEOVIXILANCIA E CONTROL DE TRÁFICO

O CONCELLO DA CORUÑA colocou cámaras ou videocámaras en vías do municipio, coa finalidade de controlar, regular, vixiar e disciplinar o tráfico. As imaxes captadas son tratados polo corpo de axentes da Policía Local do concello.

A licitude do tratamento está baseada no artigo 6.1.e) do RGPD: o tratamento é necesario para o cumprimento dunha misión realizada en interese público ou no exercicio de poderes públicos conferidos ao responsable do tratamento, conforme á Lei orgánica 4/1997, do 4 de agosto, pola que se regula a utilización de vídeocámaras polas forzas e corpos de seguridade en lugares públicos e o Real decreto lexislativo 6/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade viaria, e demais normativa específica na materia.

As imaxes poden ser cedidas a outras forzas e corpos de seguridade, así como aos xulgados e tribunais. Non están previstas transferencias a terceiros países ou organizacións internacionais, salvo por obriga legal.

As imaxes (datos persoais) conservaranse durante o prazo máximo dun mes, salvo que deban bloquearse, en caso de captar feitos ilícitos ou irregulares; dispoñendo das mesmas a efectos de aplicación do réxime sancionador e, no seu caso, posta ao dispor da autoridade pública competente, así como xulgados ou tribunais.

IV. GRAVACIÓN DOS PLENOS MUNICIPAIS

No ámbito das administracións públicas, a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, previu que se poidan gravar as reunións que realicen os órganos colexiados (neste caso, o Pleno), e que o ficheiro resultante da gravación se poida xuntar á acta das sesións. Estas gravacións consérvanse garantindo a integridade e autenticidade do citado ficheiro, así como o acceso a el por parte dos membros do órgano colexiado.

Neste caso, o CONCELLO DA CORUÑA efectúa a gravación dos plenos coa finalidade de coadxuvar á elaboración da acta do plenario, manter un arquivo histórico do desenvolvemento das sesións do Pleno e difundir ou publicar a través da páxina web municipal e, se for o caso, redes sociais.

A licitude do tratamento está baseada no artigo 6.1.e) do RGPD: o tratamento é necesario para cumprir cunha misión realizada en interese público ou no exercicio de poderes públicos conferidos ao responsable do tratamento, conforme aá Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local. Quedarán garantidos os dereitos fundamentais das persoas, conforme ao artigo 18.1 da Constitución Española (dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe), tal e como se atopa establecido no artigo 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, evitando a gravación e emisión daqueles asuntos que poidan afectar os dereitos fundamentais da cidadanía e, se fose o caso, así se acorde por maioría absoluta.

Exercicio dos dereitos

I. DEREITOS

O Concello da Coruña garantiralle e facilitaralle en todo momento á cidadanía o exercicio dos seus dereitos en materia de protección de datos persoais. Estes dereitos son:

  1. Dereito de acceso: é o dereito para obter do responsable do tratamento confirmación de se se están tratando ou non datos persoais que lle correspondan á persoa interesada e, en tal caso, o dereito de acceso a eles. En caso afirmativo, ten dereito a obter a seguinte información:
    • Tipoloxía e categoría de datos persoais que se tratan.
    • Procedencia destes.
    • Os fins do tratamento.
    • Os destinatarios ou as categorías de destinatarios aos que se lles comunicaron ou serán comunicados os datos persoais; en particular, os destinatarios en terceiros países ou organizacións internacionais.
    • O prazo previsto de conservación dos datos persoais ou os criterios utilizados para determinar este prazo.
    • Existencia de decisións automatizadas, incluída a elaboración de perfís e, polo menos neses casos, información significativa sobre a lóxica aplicada, así como a importancia e as consecuencias previstas do dito tratamento para a persoa interesada.

Cando o responsable do tratamento trate unha gran cantidade de datos relativos á persoa interesada e esta exercite o seu dereito de acceso sen especificar se se refire a todos ou a unha parte dos datos, o responsable do tratamento poderá solicitar, antes de facilitar a información, que a persoa interesada especifique os datos ou actividades de tratamento aos que se refire a solicitude. Por iso, se vai solicitar o exercicio do dereito de acceso, deberá indicar este extremo na solicitude, así como a identificación do ou dos tratamentos sobre os que exercita o dereito de acceso.

  1. Dereito de rectificación: é o dereito para obter a rectificación dos datos persoais inexactos que lle atinxan e a que se completen aqueles datos persoais que sexan incompletos, incluso mediante unha declaración adicional. Ademais, deberá xuntarse coa solicitude a documentación que xustifique a inexactitude ou o carácter incompleto dos datos. Se vai solicitar o exercicio do dereito de rectificación, debe indicalo na solicitude, así como a identificación do ou dos tratamentos sobre os que exercita o dereito de rectificación.
  2. Dereito de supresión ou esquecemento: é o dereito para obter a supresión dos datos persoais que lle concirnan, cando concorra algunha das circunstancias seguintes:
    • Os datos persoais xa non sexan necesarios en relación cos fins para os que foron recollidos ou tratados doutro xeito.
    • A persoa interesada retire o consentimento en que se basea o tratamento e este non se base noutro fundamento xurídico.
    • A persoa interesada se opoña ao tratamento e non prevalezan outros motivos lexítimos para o tratamento.
    • Os datos persoais fosen tratados ilicitamente.
    • Os datos persoais deban suprimirse para cumprir unha obriga legal establecida no Dereito da Unión ou dos Estados membros que se lle aplique ao responsable do tratamento.
    • Os datos persoais foron obtidos en relación coa oferta de servizos da sociedade da información mencionados no artigo 8, apartado 1 (condicións aplicables ao tratamento de datos dos/as menores en relación cos servizos da sociedade da información).
    • Dereito a que se elimine calquera ligazón aos seus datos persoais cando haxa obriga de suprimilos (dereito ao esquecemento).

Con todo, este dereito non é ilimitado, de tal forma que pode ser factible non realizar a supresión cando o tratamento sexa necesario para o exercicio da liberdade de expresión e información, para o cumprimento dunha obriga legal, para o cumprimento dunha misión realizada en interese público ou no exercicio de poderes públicos conferidos ao responsable do tratamento, por razóns de interese público, no ámbito da saúde pública, con fins de arquivo de interese público, fins de investigación científica ou histórica ou fins estatísticos, ou para a formulación, o exercicio ou a defensa de reclamacións. Se vai solicitar o exercicio do dereito de supresión, debe indicalo na solicitude, así como identificar o/s tratamento/s sobre o/s que exercita o dereito de supresión.

  1. Dereito de oposición: é o dereito para opoñerse en calquera momento e por motivos relacionados coa súa situación particular a que o responsable do tratamento realice un tratamento dos datos persoais que lle corresponden baseado no exercicio dunha misión de interese público ou no exercicio de potestades públicas ou no interese lexítimo de terceiros, incluída a elaboración de perfís.
    • O responsable do tratamento deixará de tratar os datos, salvo que acredite motivos imperiosos que prevalezan sobre os intereses, dereitos e liberdades da persoa interesada ou resulten necesarios para a formulación, o exercicio ou a defensa de reclamacións.
    • Se se tratan datos con fins de investigación científica ou histórica ou fins estatísticos da persoa interesada, terá dereito, por motivos relacionados coa súa situación particular, a opoñerse ao tratamento de datos persoais que lle concirnan, salvo que sexa necesario para cumprir unha misión realizada por razóns de interese público.

Se vai solicitar o exercicio do dereito de oposición, debe indicalo na solicitude, así como identificar o/os tratamentos sobre o/s que exercita o dereito de oposición.

  1. Dereito á limitación do tratamento: é o dereito a que se limite o tratamento dos seus datos persoais nos seguintes supostos:
    • Cando se impugne a exactitude dos datos persoais, durante un prazo que lle permita ao responsable do tratamento verificar a exactitude destes.
    • Cando o tratamento sexa ilícito e a persoa interesada se opoña á supresión dos datos persoais e solicite no seu lugar a limitación do seu uso.
    • Cando o responsable do tratamento xa non necesite os datos persoais para os fins do tratamento, pero a persoa interesada os necesite para a formulación, o exercicio ou a defensa de reclamacións.
    • A persoa interesada opúxose ao tratamento, mentres se verifica se os motivos lexítimos do responsable do tratamento prevalecen sobre os da persoa interesada.

Se vai solicitar o exercicio do dereito de limitación, debe indicalo na solicitude, así como identificar o/s tratamento/s sobre os que exercita o dereito de limitación.

  1. Dereito á portabilidade dos datos: A persoa interesada terá dereito a recibir os datos persoais que lle incumban, que teña facilitado a un responsable do tratamento, nun formato estruturado, de uso común e lectura mecánica, e a transmitilos a outro responsable do tratamento sen que o impida o responsable ao que se lle facilitaran, cando:
    1. O tratamento estea baseado no consentimento conforme ao artigo 6, apartado 1, letra a), ou ao artigo 9, apartado 2, letra a), ou nun contrato conforme ao artigo 6, apartado 1, letra b);
    2. O tratamento se efectúe por medios automatizados.

Ao exercer o seu dereito á portabilidade dos datos de acordo co apartado 1, a persoa interesada terá dereito a que os datos persoais se transmitan directamente dun responsable a outro cando sexa tecnicamente posible. O exercicio do dereito mencionado no apartado 1 do presente artigo entenderase sen prexuízo do artigo 17. Este dereito non se aplicará ao tratamento necesario para o cumprimento dunha misión realizada no interese público ou no exercicio de poderes públicos conferidos ao responsable do tratamento. O dereito mencionado no apartado 1 non afectará negativamente aos dereitos e liberdades doutras persoas.

  1. Dereito a non ser obxecto de decisións individuais automatizadas: Este dereito pretende garantir que non sexa obxecto dunha decisión baseada unicamente no tratamento dos seus datos, incluída a elaboración de perfís, que produza efectos xurídicos sobre a persoa ou lle afecte significativamente de forma similar. Sobre esta elaboración de perfís, trátase de calquera forma de tratamento dos seus datos persoais que avalíe aspectos persoais, en particular analizar ou predicir aspectos relacionados co teu rendemento no traballo, situación económica, saúde, as preferencias ou intereses persoais, fiabilidade ou o comportamento.
  2. Dereito a retirar o consentimento: cando o tratamento dos datos estea baseado no consentimento das persoas interesadas, estas poderán retirar o consentimento outorgado en calquera momento, sen que iso lle afecte á licitude do tratamento previo á súa retirada.

II. QUEN PODE EXERCITAR ESTES DEREITOS?

As persoas interesadas poden exercitar calquera destes dereitos cando actúan no seu propio nome ou a través de representante legal.No caso de menores de 14 anos, deberán facelo os/as titulares da patria potestade ou tutela e achegar, coa súa solicitude de exercicio de dereitos, unha copia do DNI do/a menor, unha copia do libro de familia correspondente e unha declaración responsable conforme é titular da patria potestade ou tutela legal. No caso de menores de idade entre 14 e 18 anos, estes/as poderán exercer os seus dereitos de forma individual ou por medio dos/as titulares da patria potestade ou tutela.

III. CANLES DE SOLICITUDE DE EXERCICIO DOS DEREITOS

De forma telemática na sede electrónica do Concello da Coruña, na seguinte ligazón: Exercicio de dereitos sobre os datos de carácter persoal

Ou de forma presencial presentando a súa solicitude asinada e por escrito en calquera dos rexistros habilitados:

  1. Rexistro Xeral do Fórum Metropolitano: rúa Río Monelos, 1, 15006 A Coruña
  2. Rexistro Xeral do Palacio Municipal María Pita: praza de María Pita, 1, 15001 A Coruña
  3. Rexistro Xeral do Centro Sociocultural Ágora: lugar da Gramela, 17, 15011 A Coruña

A solicitude deberá conter, como mínimo:

  1. O nome e apelidos da persoa interesada e, se for o caso, tamén os da persoa que a represente.
  2. O domicilio e datos para os efectos de notificación.
  3. A data e a sinatura da persoa solicitante.
  4. Unha copia do seu documento nacional de identidade e número de identidade de estranxeiro/a ou pasaporte, segundo o caso.
  5. No caso de representante, a documentación que acredite a representación ou a relación coa persoa interesada nos casos nos que se actúe en nome doutra persoa ou se solicite información sobre outra persoa.
  6. A sinatura electrónica que o/a identifique, no caso da sede.
  7. A petición en que se concreta a solicitude de exercicio dos dereitos.

III. TRAMITACIÓN DOS DEREITOS E INFORMACIÓN COMPLEMENTARIA

A solicitude do exercicio do dereito deberá dirixirse ao Concello da Coruña como Responsable do Tratamento (RT), que corresponda co asunto de "Exercicio de Dereitos no eido da Protección de Datos de Carácter Persoal".

Unha vez recibida a solicitude, comprobarase que reúne todos os requisitos esixidos pola normativa vixente. Se carecese dalgún deles, requiriráselle á persoa interesada que emende a súa solicitude. Se a solicitude reúne todos os requisitos, o Concello da Coruña analizará se a petición se axusta ou non a dereito e comunicaralle á persoa peticionaria a decisión adoptada.

IV. DEREITO A PRESENTAR UNHA RECLAMACIÓN ANTE A AUTORIDADE DE CONTROL

En todo caso, se as persoas interesadas consideran vulnerado o dereito á protección dos seus datos persoais, poderán interpoñer unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD), na seguinte ligazón.

Con carácter previo á presentación dunha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos, poderán dirixirse ao Delegado de Protección de Datos (DPD) do Concello da Coruña a través do seguinte enderezo electrónico: delegadodeprotecciondedatos@coruna.gal

Delegado de protección de datos

Os Delegados de Protección de Datos (DPD) teñen como función informar, asesorar e supervisar o cumprimento interno da normativa vixente en materia de datos persoais no CONCELLO DA CORUÑA, ademais de actuar como intermediarios coa AEPD como autoridade de control, e atender as reclamacións que lles remitan as persoas interesadas.

O CONCELLO DA CORUÑA conta cun delegado de protección de datos (DPD) que pode ser contactado no seguinte correo electrónico: delegadodeprotecciondedatos@coruna.gal ou a través dos diferentes rexistros no seguinte enderezo:

  • Concello da Coruña
  • Att.: Delegado de Protección de Datos
  • Praza de María Pita núm. 1
  • 15001 A Coruña

Pode consultarse tamén os datos do DPD na seguinte ligazón da páxina de AEPD.

Rexistro de actividades

O obxectivo do Rexistro de Actividades de Tratamento (RAT) é que a cidadanía poida coñecer da forma máis exacta posible que tratamentos se están a realizar cos seus datos persoais cando os achega ao CONCELLO DA CORUÑA.

A través deste rexistro descríbese, de forma conxunta, que datos se recollen, con que fins se tratan, a quen se prevé comunicalos, se llelos transfire ou non a terceiros países, o prazo da súa conservación, as medidas para preservar a súa seguridade, e a lexislación aplicable en cada caso. Nesta ligazón pode acceder ao RAT completo do CONCELLO DA CORUÑA: Rexistro de Actividades do Tratamento - Concello de A Coruña .

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión