O servizo de bombeiros segue, un ano máis, coa súa tarefa de Servizo Público en garantir a seguridade dos cidadáns alí onde son requiridos, xa que as súas actuacións non se circunscriben só ao ámbito municipal da Coruña, senón que tamén son requiridos por municipios limítrofes a colaborar cos seus servizos de seguridade e emerxencia, co apoio deste goberno municipal. Así se poden destacar as 4 veces que se actuou fora do ámbito do concello.
As tarefas que o servizo de bombeiros realiza son moi diversas e cada vez máis especializadas, sendo punteiro o noso servizo, non só en Galicia senón en España con unidades como a Prevención, onde temos a primeira ordenanza contra incendios de Galicia, destacando a nosa aposta polos escolares destacando a Semana da prevención que realizamos cada ano, e por protexer á poboación en todos os eventos de masas que se celebran na nosa cidade, ou mantendo a rede de hidrantes da cidade operativa, nun traballo permanente de mellora continua; traballos estes que non se ven, pero que sen eles, cando cheguen as intervencións, veríanse mermadas e difíciles de controlar.
Como sempre o grupo de rescate acuático prepárase durante todo o ano, para chegar no menor tempo posible a calquera lugar do noso litoral para axudar a quen o necesite. Tamén co seu labor de prevención nas alertas por temporal, vixiando as nosas costas. Destacan as súas 103 saídas que tiveron.
Nesta memoria do ano 2025 alcanzáronse as 2026 intervencións fronte ás 1.914 do ano 2024.
Non só é importante o número de intervencións, que dá un reflexo do esforzo dos nosos bombeiros, senón que ademais téntase facer un traballo con calidade, chegando pronto aos sinistros cunha media do 84,87 % en chegar ao sinistro en menos de 12 minutos, desde que se recibe a chamada ata estar no lugar do sinistro, e en menos de 5 minutos nun 25,94 %, mellorando os niveis doutros anos. Iso amosa o compromiso por un traballo pola calidade e a mellora continua coa que está comprometido o concello e o servizo de Bombeiros.
Tamén é importante o que se tarda en solucionar o problema ao cidadán, e así, en menos de 45 minutos, solucionáronse o 67% das intervencións.
O Concello segue apostando por este servizo e así un ano máis superará o millón de euros en investimentos e 400.000 en mantementos e gastos propios do servizo, tendo como obxectivo seguir sendo un dos mellores parques de Galicia, e no que atinxe as cidades da nosa categoría, en toda España.
Con estes datos, pódese dicir que o ano 2025 foi un ano que seguiu a ser especial para o Servizo de Bombeiros, que se adapta perfectamente ás circunstancias e a sociedade que nos toca vivir.
Quero rematar agradecendo o demostrado compromiso e vocación de todos os compoñentes do seu persoal.
Con isto sei que podo trasladar en nome da cidade da Coruña o noso maior agradecemento ó Servizo de Bombeiros e o noso total apoio polo labor que realiza.
Montserrat Paz Romero
Concelleira de Seguridade cidadá e interior
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible