Concello da Coruña

Concello da Coruña

Ilustración de David Sánchez, CC-BY.

Soldados romanos

Forza e disciplina

As lexións romanas contribuíron a facer de Roma o imperio máis poderoso do mundo coñecido. A fórmula foi a facer un exército especializado, ben equipado e adestrado que fixo del unha eficaz máquina de guerra.

Co nome de lexionario coñecíase ao soldado do montón ou infantería. As lexións estaban compostas por unidades menores, chamadas centurias, que estaban formaban por uns oitenta soldados. Unha lexión completábase con sesenta centurias e unhas trinta lexións formaban un exército. Na etapa de conquista do noroeste actuaron a Legio I Augusta (a pesar de que, precisamente durante as Guerras Cántabras, perdería o seu apelativo ao perder o seu estandarte), a Legio VI Victrix e a Legio X Gemina. Estas últimas dúas permanecerían acuarteladas no territorio tras as Guerras Cántabras (29-19 a.C.) e serían as responsables do control militar dos territorios das actuais Galicia e Asturias tras a reorganización territorial realizada por Augusto, sendo substituídas de forma definitiva pola Legio VII Gemina baixo mandato de Galba (68 d.C.) e construíndo o seu campamento definitivo en León (topónimo que, por outra banda, deriva precisamente do asentamento desta lexión na localidade).

O exército romano, máis aló da súa evidente función bélica e de vixilancia e control do territorio conquistado, tamén incorporaban individuos con formación diversa. Moitos dos soldados contaban con coñecementos de distintos oficios (albanel, carpinteiro, ferreiro, canteiro), cuestión imprescindible para tarefas complementarias. Pero, ademais, o exército tamén contaba con técnicos altamente cualificados: enxeñeiros, contables, arquitectos... Ademais da súa función bélica, é moi probable que as grandes obras realizadas no noroeste (calzadas, campamentos, pontes, explotacións mineiras), así como múltiples atribucións económicas (cobramento de impostos, control do tráfico de mercadorías) estivese controlado, en maior ou menor medida, por militares.

No momento de conquista romana do territorio, alistarse no exército xa non era obrigatorio, senón que xa estaba profesionalizado. Era necesario ser cidadán romano para alistarse como lexionario, pero aqueles que non contaban coa cidadanía podían alistarse nas tropas auxiliares, alcanzando unha posición económica e social de maior prestixio, obtendo (tras o servizo) múltiples beneficios económicos, terras para asentarse e mesmo obtendo a cidadanía como recoñecemento. Existen en Galicia unhas vinte inscricións de carácter funerario e votivo, que recollen os nomes de veteranos e oficiais da Legio VII Gemina.

Como dixemos, a conquista definitiva do territorio galaico, así como a súa integración xurídica e administrativa no imperio romano, aconteceu tras as Guerras Cántabras (29-19 a.C.). Con todo, con anterioridade, producíronse distintas expedicións cara o Noroeste, na súa maioría, con intención bélica. A primeira expedición coñecida foi dirixida por Décimo Xuño Bruto, quen no ano 137 a.C. ascende pola costa desde o Tejo ao Douro. De sobras é coñecida a historia de que chegando ao río Lethes (Limia), ou río do esquecemento, cruzouno para chamar logo polo seu nome a cada un dos seus soldados. O seu éxito permitiría que fose coñecido co alcume de Galaico. Fai falta sinalar que, por aquel entón, o termo "galaico" non alude á totalidade do territorio que actualmente coñecemos como tal, senón que se refire, única e exclusivamente, á denominación dun populus situado na contorna do actual Porto.

No ano 96 a.C., Publio Licinio Craso realiza unha expedición cara as Casitérides (presumiblemente, algún lugar do territorio do Noroeste), no que confirma a abundante presenza de estaño e a predisposición local para comerciar con el.

No ano 74 a.C., Marco Perpenna realiza unha campaña bélica nalgún punto do actual territorio galaico, aínda que se descoñece onde.

Pero a máis interesante de todas é a expedición de Xulio César, un dos políticos e militares romanos máis recoñecidos. Sabemos que Xulio César, no ano 61 a.C. (momento no que era propretor da Hispania Ulterior), partiu desde Cádiz rumbo ao Noroeste, coa intención de obter crédito militar e un botín económico suficiente para pagar aos seus exércitos e financiar posteriores campañas. Tras varias expedicións no ámbito do actual Norte de Portugal, marchou rumbo á Brigantium, onde realizou unha breve campaña que implicou o sometemento das poboacións da zona. Quen sabe se, nalgún punto de Elviña ou da península coruñesa, poderemos atopar algunha evidencia do seu paso pola nosa terra.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Horario de verán

(1 de xuño - 30 de setembro)

Sábados e domingos ás 12.00 h

Horario de inverno

(1 de outubro - 31 de maio)

Domingos ás 12.00 h

Contacto

RESERVA PREVIA no teléfono do Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón

981 189 850

Chamadas locais: 010 / 981 184 278

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión