Imaxe da Cosmografía de Claudio Ptolomeo, da Biblioteca Nacional, procedente do arquivo do Centro de Interpretación e Atención a Visitantes da Torre de Hércules.
A Coruña nos vellos mapas
O ilustre escritor ourensán Otero Pedrayo, nos seus estudos de xeografía, definiu como Golfo Ártabro o arco que forman as rías da Coruña, Betanzos, Ares e Ferrol, seguindo unha delimitación que, previamente, xa suxeriron distintos xeógrafos e eruditos de época clásica como Estrabón, Pomponio Mela ou Plinio.
Todos eles realizaron varias mencións a esta área: Estrabón, Plinio e Claudio Ptolomeo sinalaron recurrentemente a existencia do Porto dos Ártabros como un lugar destacado para a navegación e o comercio. Con independencia de que a denominación fose directa ou non ao actual emprazamento da Coruña, si resalta a relevancia do territorio ártabro nos textos clásicos que aluden a esta zona.
As referencias a Brigantium son algo máis tardias, unha cuestión lóxica, pois a súa fundación data de mediados do I d.C. A primeira mención realizouse no século II d.C, na Xeografía de Ptolomeo, indicando simplemente a súa localización. No século seguinte, Dion Casio situou nesta zona a chegada de Xulio César no 61 a.C. Por aquel entón, a cidade aínda non se fundara, polo que o historiador bitinio simplemente pretendía empregala como lugar coñecido para facilitar a lectura e contextualizar xeograficamente as súas accións. A principal referencia con datos sobre a súa localización proporcinouna Paulo Orosio no século V d.C, indicando a existencia dun altísimo faro - o Farum Brigantium - que sempre miraba cara as Illas Británicas.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible