4 de abril de 2026
Todas as sesións serán gratuítas ata completar capacidade e contarán con presenza dos equipos das películas
A Coruña prepárase para a súa VII Semana do Cinema Galego, a gran celebración cinematográfica non competitiva que exhibe o máis salientable da produción audiovisual galega recente. Ao longo de catro xornadas, do 7 ao 10 de abril, o público coruñés poderá gozar de oito filmes en sesións gratuítas no Teatro Colón e na Domus.
A programación está composta polas longametraxes finalistas dos Premios Mestre Mateo nas categorías de mellor longametraxe de ficción e mellor documental, convertendo a mostra nun escaparate privilexiado do mellor cinema galego do último ano. As proxeccións estarán acompañadas por presentacións dos equipos dos filmes, que introducirán as obras e conversarán co público, convertendo cada sesión nun espazo de encontro co cinema galego contemporáneo.
A VII Semana do Cinema Galego botará a andar este martes 7 de abril no Teatro Colón coa proxección de 'Sirât', de Oliver Laxe, ás 19.00 horas. O filme, fito histórico do audiovisual galego ao ser finalista aos Premios Oscar, conseguiu o Premio Mestre Mateo a Mellor Longametraxe. A xornada completarase ás 21.00 horas con 'As liñas descontinuas', de Anxos Fazáns, unha historia sobre o encontro inesperado entre dúas persoas en momentos vitais moi distintos que transformará as súas vidas.
O mércores 8 de abril, tamén no Teatro Colón, será a quenda de 'San Simón' (19.00 horas), de Miguel Ángel Delgado, que recupera a memoria da illa convertida en campo de concentración durante o franquismo. Ás 21.00 horas proxectarase 'Antes de nós', de Ángeles Huerta, un retrato íntimo de Castelao e Virxinia a través de dous momentos clave das súas vidas, marcado pola perda e a reconstrución do vínculo.
A programación trasladarase á Domus o xoves 9 de abril, onde se poderá ver 'Deuses de pedra' (19.00 horas), de Iván Castiñeiras, unha historia de crecemento situada nunha escola rural na fronteira entre Galicia e Portugal. Ás 21.00 horas será a quenda de 'Ao son da nova regueifa', de Manolo Maseda e Saúl Rivas, un documental que percorre Galicia para explorar a evolución contemporánea da regueifa, entre tradición e modernidade.
O venres 10 de abril, tamén na Domus, a xornada comezará con 'O silencio herdado' (19.00 horas), de Lucía Dapena González, unha peza íntima sobre a memoria, os silencios familiares e a dificultade de nomear o pasado. Pechará a programación '360 curvas' (21.00 horas), de Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández, e Premio Mestre Mateo a Mellor Documental.
Un total de oito filmes repartidos en catro días que ofrecen unha ampla panorámica da creación audiovisual galega actual, tanto na ficción como no documental, con propostas que abordan cuestións como a memoria histórica, a identidade, o rural ou as transformacións sociais.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible