3 de febrero de 2026
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou o bo funcionamento da pasada edición e recordou que o consistorio achega ata un máximo de 500.000 euros para dinamizar os barrios da cidade coas súas celebracións tradicionais
O Concello, a través do IMCE, ten previsto aprobar esta semana as bases que regulan a convocatoria pública de axudas para as asociacións que organizan as festas nos barrios. Trátase do segundo ano consecutivo no que o Concello aposta por un sistema de concorrencia competitiva para a asignación das subvencións. O sistema, recordou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, púxose en práctica por primeira vez o ano pasado, e obtivo tanto o recoñecemento das entidades como do público.
"Trátase de buscar un sistema máis áxil e flexible e que lle dea máis liberdade a cada entidade para deseñar as festas do seu barrio como mellor consideren os veciños e veciñas", indicou Castro. "Inés Rey pediunos que desde e concellería traballaramos para potenciar o tecido asociativo da cidade así como o contido cultural e de ocio dos barrios, e con esta iniciativa estamos a facelo e así o están a recoñecer as persoas participantes nos eventos", indicou o edil.
En total, o Concello destina 500.000 euros a sufragar as festas tradicionais ou de arraigo que se celebran en toda a cidade. Cada asociación poderá dispor de ata 20.000 euros, fondos que poderán empregarse para aboar todos aqueles gastos vinculados á organización das festas. Entre os requisitos figuran que as celebracións sexan de carácter aberto e gratuíto. Son gastos subvencionables os cachés, alugueiro de equipos de son, transporte de materiais, iluminación, instalación eléctrica, seguros e aqueles que directamente sexan precisos para a organización das festas.
Ademais, e fóra das subvencións que finalmente se asignen a cada entidade, o IMCE e o Concello daranlles asesoramento a todas as entidades para axudarlles a completar o proceso. Tamén se cederán gratuitamente aseos químicos, valados, tarimas, mesas e cadeiras sempre que exista dispoñibilidade. "Trátase de axudar en todo o posible para que as festas nos barrios sexan un éxito", indicou o concelleiro.
As propostas presentadas poderán obter unha valoración máxima de 100 puntos, dos que 70 lle corresponden á calidade dos proxectos presentados. Na pasada edición todas aquelas entidades que cumprían coas bases accederon ás axudas municipais. "O que queremos é que quen organiza festas tradicionais ou de arraigo, en todos os barrios, conte con medios suficientes para lle poder ofrecer contidos de calidade á veciñanza e ás persoas visitantes", indicou o edil.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible