Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de marzo de 2020

Actividades socioculturais en liña

Aínda que non vos vexades en directo, todas as persoas anotadas nas actividades socioculturais dos centros cívicos, xunto coas súas monitoras e monitores, estaredes unidas a través da pantalla.

Desde a Concellería de Benestar Social, Igualdade e Participación poñemos a disposición da cidadanía, en modalidade en liña, o Programa de Actividades Socioculturais da Rede de Centros Cívicos.

Este programa de actividades leva anos sendo un referente na dinamización sociocultural das persoas e dos barrios da cidade e unha das vías que o concello empregou como medio de prevención da soidade e a creación de redes entre as persoas.

A situación actual de crise pode agravar estas posibles situacións de soidade e outras derivadas do tempo de confinamento, así que por iso decidimos continuar co programa de actividades de maneira en liña.

As e os monitores que imparten as distintas actividades na Rede de Centros Cívicos gravaron unha serie de vídeos que dan continuidade aos contidos traballados nas súas clases e que están subidos á canle de YouTube denominada Coruña Acompaña.

Nesta canle poderedes atopar os vídeos subidos en diferentes listas de reprodución, dependendo da temática da actividade. Dese xeito, as persoas que o desexen, xa estean inscritas nalgunha actividade ou non, poderán velos e seguir as ditas actividades desde a súa casa.

Nunha primeira fase, as actividades subidas á canle de YouTube Coruña Acompaña serán da seguinte tipoloxía:

- Actividade física: para combater o sedentarismo consecuencia de permanecer nos nosos fogares. Con actividades como Pilates, Hixiene postural, Ximnasias de mantemento de diferentes niveis de dificultade.

- Actividades de expresión plástica: que nos brindasen a oportunidade de aproveitar o tempo libre do que dispoñamos para familiarizarnos con diferentes técnicas manuais. Inclúese un curso de iniciación ao Debuxo e á Pintura, un taller de iniciación ao Coiro, así como talleres de Calceta, Gancho ou Bordado.

- Actividades de expresión corporal: propostas de Ritmos latinos, Baile moderno para practicar cos/as máis pequenos/as da casa, así como Aerobic latino para exercitarnos ao ritmo da música.

- Novas tecnoloxías: un taller destinado a coñecer os recursos que as novas tecnoloxías nos brindan para mellorar o noso día a día. Este taller estará especialmente orientado a combater a fenda dixital que afecta a amplos sectores da nosa sociedade.

- Estimulación cognitiva: tratando de non romper co traballo que se vén facendo na rede de centros cívicos municipais, pola saúde cognitiva das nosas persoas maiores. Ofreceremos unha proposta de traballo en liña con vídeos de exercicios e materiais didácticos descargables para exercitar a mente e a memoria.

Este proxecto está vivo desde este instante e, como organismo vivo, evolucionará e adaptarase ás necesidades que nos expoña a cidadanía durante este período e que anunciaremos segundo se vaian implementando.

Desexamos, con esta iniciativa, facervos a todas e a todos máis levadía esta corentena e que vos sigades exercitando, creando, pensando e gozando desde as vosas casas ata que poidades de novo reunirvos na rede de equipamentos públicos deseñados para vosoutras e vosoutros.

Moito ánimo!

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión