Concello da Coruña

Concello da Coruña

Iconografía

A Torre, no Museo Nacional de Escultura, Valladolid

A imaxe da Torre de Hércules está viva e é omnipresente, está intimamente ligada á cidade da Coruña ata tal punto que resulta difícil identificar a esta se non se recorre ao faro.

A Torre preside os escudos do Concello, da Deputación, da Universidade, da maior parte dos colexios profesionais e das asociacións culturais e deportivas coruñesas, pero tamén podemos atopar a súa imaxe nas lousas que pavimentan as principais rúas da cidade, nos farois do paseo marítimo, en todo o mobiliario urbano, en adornos florais dos xardíns, decorando as tortas ou outros pratos ou convertida no trofeo Teresa Herrera. A presenza da Torre é tamén evidente no rueiro e na toponimia da zona, así como nos nomes de empresas e negocios herculinos. Estamos a falar, por tanto, dunha imaxe que identifica a cidade e que é símbolo dun pasado milenario que desde xuño de 2009 é recoñecido como un ben de valor universal excepcional e forma parte da Listaxe de Patrimonio Mundial da UNESCO.

Escudos

Polo menos desde finais do s. XV a Torre de Hércules converteuse na imaxe da Coruña, ao tomala o Concello como tema para o seu escudo. A partir de entón, cidade e Torre foron unha mesma realidade. As primeiras representacións coñecidas, aproximadamente do ano 1448, son moi concisas, pero ao longo do s. XVI formulouse a estrutura do escudo, de maneira que a partir de mediados do cincocentos todos os elementos clave da lenda de Hércules estiveron presentes.

Unha destas imaxes aparece nun documento oficial do emperador Carlos V, coñecido como a Executoria de 1552, xunto ás Columnas de Hércules. Nela represéntase o faro sobre un promontorio e dominando un amplo sector da costa. Baixo os cimentos da construción está soterrada a cabeza coroada de Xerión que se dispón ladeada, como basamento da propia Torre. No remate aparece tanto a referencia ao candil que colocou Espán, o lendario sobriño de Hércules que rematou a construción do faro, como ao espello que permitía descubrir a gran distancia as naves inimigas, tamén atribuído a Espán. Ao redor do faro aparecen as sete cunchas de vieira que simbolizan as sete provincias do Reino de Galicia e, nalgúns casos, sobre a Torre represéntase o copón como unha das armas do Reino.

Unha variante desta imaxe atopámola nun escudo datado entre os s. XVI e XVII, conservado no Museo Arqueolóxico do castelo de San Antón. Esta representación, con mínimas variantes, aparece tamén nos escudos do s. XVII que se atopan no concello e na muralla do xardín de San Carlos. En ambos os casos represéntase a Torre co seu candil, pero a cabeza ladeada de Xerión substituíuse, nesta última, por unha caveira coroada que se dispón dereita, baixo a base da Torre.

Cartografía

S. XVIII, A Coruña, mapa de Pedro Teixeira

A imaxe da Torre conta cunha iconografía moi rica desde a época alto medieval ata o s. XVIII. Na Alta Idade Media, cando a tradición cosmográfica do mundo antigo se perde, e con ela o interese polo rigor científico, na España mozárabe xorde un novo tipo de mapa que se caracteriza por ofrecer unha visión lendaria e simbólica do mundo coñecido. Neste contexto nacen o chamados mapamundi, ligados aos chamados "beatos", uns manuscritos que datan dos s. X e XIII, que conteñen os Comentarios á Apocalipse atribuída ao Beato de Liébana. Neste contexto, o mapamundi ilustra os territorios que hai que evanxelizar e a adxudicación destes entre os apóstolos. Todos os mapas conservados parecen derivar dun mesmo modelo, de aí as coincidencias que existen entre eles.

Seguindo a visión isidoriana, trátase de mapas "orientados", é dicir, oriente é o punto cardinal situado na parte superior do mapa, na clave está situado o Paraíso claramente reconocible pola iconografía que presenta: case invariablemente, a Adán e Eva, a árbore e a serpe. Aínda que non sempre, adoitan debuxarse os catro ríos que brotan do paraíso e van desembocar ao mar periférico. Os seus nomes eran Tigris, Éufrates, Geón e Fisón. Asia ocupa a parte superior do mapa e está separada dos outros dous continentes por grandes cursos de auga de sur a norte: o Nilo, o Helesponto, o mar Negro, o mar de Azov e o río Don. Na parte inferior do mapa está África á dereita e Europa á esquerda, separada por unha lingua de auga que é o Mediterráneo.

  • Galería de mapas históricos

  • Galería de mapas históricos

  • Que che parece esta sección?

    -101-101-101

    Síguenos en

    Iniciar sesión