1 de noviembre de 2023
A alcaldesa recordou tamén as persoas pasaxeiras do voo 118 de Aviaco, con motivo do 50 aniversario da traxedia aérea de Montrove
Inés Rey: “Os seus versos expresaron con fonda paixón o seu amor á cidade mais tamén unha ansia de rebeldía irrenunciable”
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu esta mañá, mércores día 1 de novembro, a tradicional ofrenda floral de Todos os Santos no cemiterio municipal de Santo Amaro. A rexedora, que estivo acompañada por membros do Goberno local e da Corporación, realizou a primeira parada diante da Cruz dos Esquecidos onde a coral Follas Novas interpretou dous temas. Destacou o Cemiterio de Santo Amaro como "xoia patrimonial e emocional da Coruña" e dedicoulles unhas palabras ás vítimas civís das guerras en marcha: "A Coruña non é allea a nada do que pasa no mundo, somos unha cidade plural, solidaria, tolerante e pacífica e quero aproveitar este acto para lembrar as vítimas civís que estes días sofren Ucraína, Israel e Palestina".
Rey reivindicou o coruñesismo "libre e inconformista" de Luísa Villalta, persoa homenaxeada polo Concello no Día de Todos os Santos. "Os seus versos expresaron con fonda paixón o seu amor á cidade mais tamén unha ansia de rebeldía irrenunciable" explicou. A alcaldesa, acompañada por María Gómez e Susana Villalta, nai e irmá da poeta, deixou un ramo de flores fronte á tumba de Luísa Villalta, figura escollida pola Real Academia Galega para a celebración das Letras Galegas 2024, cando se conmemora o 20 aniversario do seu falecemento.
"Poucos lugares como este San Amaro, desde o que nos miran a Historia e o Atlántico, converten en visión concreta aquela preciosa definición que fixo Luísa da Coruña cando a definiu como cidade tatuada na pétrea pel do mar", sentenciou Rey. Ao acto solemne tamén se achegaron familiares e amizades de Luísa Villalta así como veciños e veciñas para lembrar a escritora coruñesa.
A alcaldesa recordou tamén as persoas pasaxeiras do voo 118 de Aviaco, con motivo do 50 aniversario da traxedia aérea de Montrove. "Desde hai case dez anos, grazas á iniciativa das familias, as vítimas son recordadas cun monumento neste cemiterio de San Amaro e hoxe a cidade volve lembralos 50 anos despois da gran traxedia" sinalou a alcaldesa, quen dispuxo unha coroa de loureiro sobre o monumento.
O acto concluíu coa homenaxe aos Mártires pola Liberdade, en recordo a todas as vítimas do franquismo na Coruña.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible