3 de enero de 2022
Un total de 15 carrozas, 4 trens e 14 compañías artísticas animarán a pé de rúa, con 180 figurantes. O uso de máscara será obrigatorio en todo momento e recordarase periodicamente por megafonía
A Cabalgata de Reis deste ano, cun percorrido único de tres quilómetros e dúas horas e media de duración, sairá este mércores 5 de xaneiro (18.00 horas) desde o aparcadoiro da Sardiñeira, no barrio dos Mallos, para rematar na praza de María Pita ás 20.30 horas.
O trazado previsto polo Concello da Coruña contempla que a cabalgata, dinámica, pase pola avenida da Sardiñeira, a rolda de Outeiro, avenida Alcalde Pérez Ardá, rúa Ramón y Cajal, avenida do Exército, avenida de Primo de Rivera, avenida de Linares Rivas, praza de Ourense, Os Cantóns, avenida da Mariña e, finalmente, chegue a Porta Real como paso previo ao punto e final en María Pita, onde haberá control de capacidade nos accesos.
A cabalgata, composta con 15 carrozas, 4 trens e 14 compañías artísticas, estará integrada tamén por 180 figurantes, que suporán o 40% da capacidade total de carrozas e trens. Debido á situación sanitaria provocada pola Covid-19, tanto artistas como figurantes estarán organizados en grupos burbulla. Ademais, todos os participantes deberán contar co certificado Covid-19 correspondente ou pasar, previamente, un test de antíxenos que resulte negativo, para reforzar a prevención fronte aos contaxios.
A alcaldesa, Inés Rey, remarcou o compromiso do Goberno municipal para que as coruñesas e coruñeses poidan gozar da Cabalgata de Reis con normalidade, atendendo sempre ás pautas sanitarias e recomendacións de hixiene marcadas polas autoridades e apelou ao sentido común e responsabilidade dos cidadáns para seguir todas as normas establecidas.
Neste sentido será obrigatorio o mantemento de distancias de seguridade e o uso de máscara en todo momento. As instrucións sanitarias comunicaranse, periodicamente, por megafonía.
O circuíto, con catro espazos accesibles e de atención sanitaria
Ao longo do percorrido, o Concello da Coruña porá á disposición da cidadanía catro espazos de accesibilidade, repartidos entre a praza de María Pita, ao lado da Autoridade Portuaria (rúa Ambrosio Feijóo), a praza de Ourense e na avenida Alcalde Pérez Ardá, fronte á estación de autobuses. En todos eles ubicaranse tamén espazos de atención sanitaria ante posibles incidencias.
O Pazo Municipal de María Pita acolle a recepción aos Reis Magos
As pequenas e pequenos coruñeses xa gozaron, desde este luns pola mañá (de 11.00 a 14.00 horas), da presenza dos Reis Magos no Pazo Municipal de María Pita. A recepción das súas Maxestades continuará esta tarde, de 17.00 a 21.00 horas, para o desfrute das rapazas e rapaces, e prolongarase ata este martes, tamén en horario de 11.00 a 14.00, e de 17.00 a 21.00 horas, no Pazo Municipal.
Mapa do percorrido da Cabalgata de Reis 2022 na cidade da Coruña (2 MB)
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible