27 de febrero de 2019
O edil Xiao Varela explica que a obra incluirá a ampliación e mellora da parada de autobuses para que poida converterse nun espazo intermodal, no que paran 13 liñas de transporte colectivo
O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, presentou esta mañá o proxecto de intervención para a mellora da accesibilidade entre a avenida da Pasaxe e a altura da rúa da Mercede, que consistirá na instalación dun ascensor que garante un uso universal. "Este proxecto, que nace dunha reclamación do barrio, permite salvar a cota a persoas en cadeiras de rodas, mobilidade reducida ou persoas maiores, algo que consideramos esencial e que non se consegue con ramplas ou escaleiras mecánicas", explicou o edil. O proxecto, que ten un orzamento base de licitación de 455.000 euros, foi presentado tamén esta mañá tanto as asociacións veciñais como ao grupo de accesibilidade da Coruña.
A instalación do ascensor propiciará tamén a creación dun punto de intermodalidade para os barrios dos Castros e do Castrillón, xa que na súa parte baixa paran seis liñas de autobuses urbanos e sete metropolitanas. "É o último punto no que paran as liñas metropolitanas antes de saír da cidade, polo que a obra vai vincular o acceso peonil co transporte colectivo e tamén coa rede de bicicletas, xa que o ascensor vai ter unha caixa de tamaño suficiente para que entre unha bicicleta", indicou Varela. Polo tanto, a obra suporá tamén a ampliación da parada do autobús e da beirarrúa e o acondicionamento da marquesiña. Dentro da planificación da mobilidade do entorno, o concelleiro tamén destacou que se buscou crear un camiño accesible para mellorar a conexión cos equipamentos públicos da zona, nomeadamente o centro de saúde de Monte das Moas.
Por último, Varela explicou que o proxecto incorpora tamén a perspectiva do urbanismo de xénero coa que se traballa dende o Goberno local. Así, tanto a caixa do ascensor como a súa estrutura serán transparentes para proporcionar un entorno de seguridade ás persoas usuarias, especialmente aos colectivos que se podan sentir máis vulnerables. "O interior do equipamento poderá verse dende todos os puntos e poderase controlar o seu entorno. Isto axuda a mellorar a sensación de seguridade porque non hai esquinas ocultas", explicou.
O proxecto, que estará rematado a vindeira semana, precisará agora dos informes sectoriais necesarios, entre os que se conta o do Ministerio de Fomento. "Imos deixar o documento, que está presentado as asociacións veciñais, pechado este mandato para que o seguinte goberno poida facerse cargo da licitación do mesmo no prazo máis breve posible".
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible