28 de septiembre de 2026
A unidade móbil estará este luns no Parrote e mañá, martes 29, no paseo de Alexandre Bóveda, con acceso gratuíto
A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, participou na presentación da iniciativa, promovida pola Fundación MAPFRE coa colaboración de FEGEREC
A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, participou esta mañá no Parrote na presentación da campaña 'Cambia el filtro', unha iniciativa da Fundación MAPFRE que chega á Coruña coa colaboración da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (FEGEREC) co obxectivo de concienciar a cidadanía sobre os prexuízos que condicionan a percepción das persoas con discapacidade intelectual ou con enfermidades raras. Ao acto asistiu tamén a deputada provincial Yoya Neira.
Durante a súa intervención, Canosa destacou a importancia de coñecer as persoas antes de dar por feito o que poden ou queren facer. "Ás veces unha etiqueta condiciona o que esperamos dunha persoa, mesmo antes de escoitala. Cambiar esa mirada comeza por achegarnos e coñecela, por interesarnos polo que lle gusta e polo que quere facer coa súa vida", sinalou.
A concelleira vinculou a inclusión coa posibilidade de que cada persoa participe na súa contorna e desenvolva o seu propio proxecto de vida, e insistiu na importancia de "que se conte con ela á hora de decidir". Desde a súa experiencia profesional como terapeuta ocupacional, Canosa lembrou tamén o valor de que as persoas poidan continuar realizando as actividades que dan sentido á súa vida e conten cos apoios necesarios para facelo.
Canosa agradeceu a FEGEREC o traballo que desenvolve coas persoas con enfermidades raras e crónicas e coas súas familias nas distintas etapas da vida. Tamén recoñeceu o labor dos seus profesionais e das propias familias á hora de visibilizar esta realidade na Coruña e no conxunto de Galicia, así como de contribuír a unha mellor comprensión das necesidades de apoio das persoas afectadas.
A Coruña é a única parada galega dunha ruta que percorre 20 cidades de 11 comunidades autónomas. A unidade móbil da campaña pode visitarse hoxe, luns 28, no Parrote, e mañá, martes 29, no paseo de Alexandre Bóveda. A entrada é gratuíta e o horario nas dúas xornadas é de 10.00 a 14.00 e de 15.00 a 18.00 horas.
Unha experiencia interactiva para mudar a mirada
A unidade móbil ofrece unha experiencia interactiva baseada en historias reais que convidan as persoas visitantes a revisar os seus propios prexuízos e coñecer outras realidades. A proposta complétase cun punto de información de FEGEREC e co mural dixital Miradas que suman, no que as persoas participantes poden compartir as súas reflexións.
Canosa animou as coruñesas e os coruñeses a achegarse á unidade móbil durante a súa estadía na cidade e a dedicar un tempo a coñecer e escoitar as experiencias das persoas protagonistas da campaña. "Iniciativas coma esta contribúen ao obxectivo de avanzar cara a unha Coruña máis inclusiva e accesible, unha liña de traballo prioritaria nas políticas sociais impulsadas polo Goberno de Inés Rey", concluíu a concelleira.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible