19 de junio de 2026
Tamén se celebrará o nacional de Relevos Mixtos de Talentos e a última xornada da liga da Federación Española de Tríatlon
A Coruña acollerá esta fin de semana os Campionatos de España de Tríatlon Cadete, Xuvenil e Júnior, e os nacionais de Relevos Mixtos de Talentos, última xornada da liga Talento de Tríatlon da Federación Española de Tríatlon, dedicada ás categorías cadete e xuvenil. A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Nereida Canosa, presentou hoxe en María Pita a competición xunto aos organizadores e representantes das federacións galega e española.
"A Coruña é unha cidade vibrante, e cada vez máis. Nótase nas actividades culturais, nas persoas turistas que nos visitan e, por suposto, no calendario deportivo. Cando traemos eventos coma estes situámonos no panorama nacional e internacional como un lugar cheo de posibilidades, recursos e gana de novos retos. Sen esquecer o gran retorno económico que traen os campionatos de todas as disciplinas que ao longo do ano nos elixen como a súa sede", subliñou Nereida Canosa.
As competicións, en circuítos curtos e rápidos, reunirán máis dun milleiro de triatletas, e volverán ter como centro principal a zona de baños do Parrote, onde se realizará a natación, con ciclismo no porto e contorna, compartindo escenario para a carreira a pé que levará os/as deportistas ata o Castelo de San Antón, antes de afrontar a xa emblemática meta da proba situada na praza de María Pita. Toda a información dos campionatos de España de Tríatlon Cadete, Xuvenil e Júnior pódese consultar aquí, e a do nacional de Tríatlon por Remudas Mixtas de Talentos, con máis de cen equipos, aquí.
Eventos FETRI de Tríatlon A Coruña 2026
O sábado 20 de xuño realizarase o Campionato de España de Tríatlon Cadete, Xuvenil e Júnior, con distancias SuperSprint e series clasificatorias en cada unha das categorías a partir das 16.00 horas, nas que se obtén o pase para as finais, que se disputarán ao longo da tarde. As finais cadetes realizaranse ás 19.00 horas, as xuvenís ás 19.30 horas, e as Júnior ás 20.00 horas. O domingo 21 de xuño, a partir das 11.30 h na categoría masculina, e das 12.15 horas na feminina, realizarase tamén o Campionato de España de Tríatlon para a categoría Júnior en distancia Sprint. Pódese consultar aquí toda a información.
O Campionato de España de Tríatlon por Relevos Mixtos de Talentos 2026, sexta e última xornada da liga Talento de Tríatlon, dedicada ás categorías cadete e xuvenil, realizarase o domingo 21 de xuño. Dúas triatletas femininas e dous masculinos de cada club iranse remudando realizando cadaquén un tríatlon de distancia SuperSprint. Pódese consultar aquí toda a información.
Pho3nix Kids Triathlon Series by Javier Gómez Noya 2026 A Coruña
O sábado 20 de xuño realizarase tamén na zona da Mariña e O Parrote unha proba do circuíto nacional Pho3nix Kids Triathlon Series by Javier Gómez Noya 2026, con carreiras de promoción para as categorías Pre-Benxamín, Benxamín, Alevín e Infantil, con saídas a partir das 11.00 horas e distancias adaptadas á categoría, agasallo de camiseta e medalla de "finishers" para as e os mozos participantes no circuíto. Pódense consultar aquí as inscricións e toda a información.
Incidencias no tráfico
Para a realización das competicións, efectuaranse os seguintes cortes e desviacións de tráfico na cidade:
Sábado 20
Das 15.00 ás 22.00 horas corte total dos Cantóns, desde a praza de Mina ata a Autoridade Portuaria. Desvío habitual da AC-11 Alfonso Molina coa avda. do Porto. Habilitarase un carril de saída pola calzada de entrada, no lado do porto, e o viaduto.
Das 14.15 ás 22.00 horas corte parcial de Sánchez Bregua - Linares Rivas - Primo de Rivera Palloza - avda. do Exército/Ramón y Cajal, coas seguintes aclaracións:
Mantense un carril de saída desde Juana de Vega ata Ramón y Cajal.
O tráfico de entrada á cidade, á altura do IMQ "San Rafael" desviarase pola AC-12 cara ás Xubias, avda. da Pasaxe e AC-10 (colocaranse elementos de sinalización e canalización).
Córtase o acceso desde a glorieta da rolda de Outeiro/avda. do Exército, no sentido de centro da cidade. Na dirección de saída da cidade estará habilitado o carril dereito, en dirección Glorieta dos Castros (non se permite acceder ao túnel da avda. do Exército).
Sobre as 19.00 - 19.15 horas está prevista a reapertura ao tráfico da avda. da Pasaxe - avda. do Exército - Ramón y Cajal, tras a finalización da proba ciclista que discorre por esa zona.
Domingo 21
Das 08.00 ás 14.45 horas: corte total da zona peonil da Mariña-Cantóns.
Desviarase todo o tráfico de saída da cidade polo túnel da Mariña-Parrote - avda. do Porto. As liñas de buses que circulan pola Mariña deberán ir pola avda. do Porto - túnel da Mariña-Parrote.
Das 08.00 ás 15.00 h, corte parcial de Sánchez Bregua - Linares Rivas - Primo de Rivera Palloza - Casa do Mar, coas seguintes aclaracións:
Mantense un carril de saída da cidade desde Juana de Vega ata Ramón y Cajal.
Móntase o desvío habitual da AC-11 Alfonso Molina coa avda. do Porto. Habilítase un carril de saída pola calzada de entrada, no lado do porto, e o viaduto.
Córtase o acceso desde a glorieta da rolda de Outeiro/avda. do Exército en dirección ao centro da cidade. Permítese o tráfico en dirección de saída só a través do carril dereito que desemboca na glorieta dos Castros.

24 de mayo de 2026

19 de mayo de 2026

30 de abril de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible