17 de septiembre de 2026
A cita abre a segunda parte da tempada para os conxuntos de nivel base e as modalidades individuais da Copa Base
A competición celebrarase no Palacio dos Deportes de Riazor e contará con participantes procedentes de Galicia, Asturias e as Illas Canarias
O Palacio dos Deportes de Riazor acollerá este sábado 19 de setembro a oitava edición do Torneo Nacional Club Rítmica Milenium, unha cita que reunirá preto de 300 ximnastas e coa que a cidade volverá converterse nun punto de encontro para a ximnasia rítmica.
A competición, organizada polo Club Rítmica Milenium, contará con deportistas procedentes de clubs de Galicia, Asturias e as Illas Canarias, segundo os datos facilitados pola organización. O torneo forma parte do calendario da Federación Galega de Ximnasia e desenvolverase nas modalidades de conxuntos de nivel base e individuais da Copa Base, tanto feminina como masculina.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou a importancia de que a cidade siga acollendo competicións que contribúan á promoción do deporte de base e ao traballo das entidades locais. "A celebración desta oitava edición amosa a consolidación dun torneo que medra da man do Club Rítmica Milenium e que permite reunir na Coruña a centos de deportistas nunha xornada que pon en valor o esforzo, a disciplina e o compañeirismo que caracterizan a ximnasia rítmica", sinalou Vázquez.
O programa deportivo abranguerá desde a categoría prebenxamín ata a xuvenil. Na competición individual feminina e masculina da Copa Base participarán ximnastas das categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil, con exercicios de corda, pelota, aro ou cinta en función das idades. Nos conxuntos de nivel base competirán tamén estas seis categorías, con exercicios de mans libres e diferentes composicións con aros, mazas e cintas.
A cita servirá, ademais, como punto de partida da nova etapa competitiva para moitas das participantes, que afrontan neste tramo da tempada a preparación das competicións oficiais de ámbito autonómico e estatal. O torneo coruñés ofrece así ás ximnastas a oportunidade de probar os seus exercicios en competición e continuar avanzando na súa preparación.
"Desde o Concello queremos seguir apoiando o labor dos clubs coruñeses e facilitar que as instalacións municipais sexan escenario de competicións que fomenten a práctica deportiva desde idades temperás e que, ao mesmo tempo, acheguen á cidadanía disciplinas cunha ampla tradición e seguimento na nosa cidade", engadiu Vázquez.
Ademais da vertente competitiva, o Club Rítmica Milenium preparou para esta oitava edición unha exposición sobre a súa traxectoria, na que se repasará a historia da entidade e as diferentes xeracións de ximnastas que formaron parte dela.
O Club Rítmica Milenium, con sede na Coruña, está inscrito na Federación Galega de Ximnasia e desenvolve a súa actividade na modalidade de ximnasia rítmica. O torneo nacional que organiza na cidade vén medrando ao longo das últimas edicións: en 2023 congregou máis de 200 ximnastas de clubs galegos e asturianos, mentres que as edicións de 2024 e 2025 tiveron como escenario o Palacio dos Deportes de Riazor.
A oitava edición terá lugar este sábado 19 no Palacio dos Deportes da Cidade Deportiva de Riazor, instalación municipal situada na rúa Manuel Murguía.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible