18 de septiembre de 2025
O Concello colabora coa asociación Galicia Rollers na organización desta cita, que na súa última convocatoria reuniu a máis de 200 persoas que percorreron as rúas en patíns, bicicletas e patinetes
A Semana Europea da Mobilidade chega mañá ao ecuador da súa programación, cunha xornada de venres na que unha das propostas máis destacadas será a nova edición da Friday Mobility Night que organiza a asociación Galicia Rollers coa colaboración do Concello.
A partir das 21.45 horas, e coa praza de Pontevedra como punto de partida, iniciarase un percorrido polas rúas da Coruña, aberto á cidadanía, no que poderá participar calquera persoa que circule con patíns ou, en termos xerais, sobre vehículos non contaminantes como bicicletas, patinetes e táboas de skate.
Ademais, esta edición, bautizada como a Ruta das Luces, celebrarase baixo un formato moi especial: o único requisito é que as persoas participantes leven consigo algún dispositivo que xenere luz, como lanternas ou barras led.
Tal e como lembrou hoxe a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, "a Friday Mobility Night non é unha carreira, senón un percorrido concibido para visibilizar modalidades de transporte alternativo que tamén contribúe a concienciar sobre a importancia de gañar máis seguridade viaria, así como de reducir a contaminación ambiental e acústica".
Máis de 200 persoas tomaron parte na pasada edición da Friday Mobility Night, que mañá ten fixada a hora de quedada de 21.00 a 21.30 horas para arrincar ás 21.45 desde a praza de Pontevedra, centro neurálxico da SEM 2025. A duración do percorrido é de unha hora e 45 minutos.
Mañá, último día de portas abertas no CiMob da estación de buses
A programación da Semana Europea da Mobilidade na Coruña, centralizada na súa meirande parte na praza de Pontevedra, conta tamén con actividades específicas na estacións de autobuses.
É o caso das xornadas de portas abertas que se están levando a cabo nas instalacións do Centro Integral de Mobilidade (CiMob), un espazo municipal no que as e os profesionais da Policía Local, en colaboración co equipo da área de Mobilidade, supervisa o tráfico da cidade a través de cámaras, o que posibilita, nalgúns casos, o regulamento semafórico en picos de hora punta ou os cortes de tráfico no contexto de grandes eventos. Os sistemas tecnolóxicos do CiMob facilitan e axiliza, ademais, a toma de decisións neste sentido.
Como xa foi habitual nestes últimos días, o CiMob da estación de autobuses estará aberto ás visitas da cidadanía entre as 17.00 e 19.00 horas, sendo mañá o último día para facelo no contexto da SEM2025.

14 de noviembre de 2025

13 de noviembre de 2025

11 de noviembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible