Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

28 de mayo de 2026

A Coruña acollerá esta fin de semana unha intensa programación deportiva con citas de referencia en diferentes disciplinas

Na cidade terán lugar competicións de atletismo, hóckey sobre patíns, judo, ximnasia rítmica e trial bici, entre moitas outras

A Coruña vivirá esta fin de semana unha intensa programación deportiva coa realización de numerosas competicións e eventos de carácter autonómico e estatal que reunirán na cidade milleiros de deportistas, familias e persoas afeccionadas. O Goberno de Inés Rey continúa así reforzando a súa aposta polo deporte base e pola consolidación da Coruña como sede de grandes eventos deportivos ao longo de todo o ano.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou "a enorme capacidade organizativa da cidade para acoller simultaneamente eventos deportivos de primeiro nivel en disciplinas moi diferentes". "A Coruña reafirma cada fin de semana o seu compromiso co deporte base, co apoio aos clubs da cidade e coa promoción de hábitos de vida saudables entre a infancia e a mocidade. Unha vez máis, enchemos a cidade de deporte, algo que ademais implica un importante retorno económico ", sinalou.

Campionato Galego Sub-10 e Sub-12 de atletismo en Elviña

As pistas de atletismo de Elviña acollerán este sábado o XVII Campionato Galego Sub-10 e o XXXIV Campionato Galego Sub-12, unha das grandes citas do atletismo base galego. A competición reunirá na cidade 910 deportistas e arredor de 2.000 persoas entre familiares, acompañantes e persoal técnico.

Na categoría Sub-10 participarán 439 atletas pertencentes a 58 clubs, mentres que no campionato Sub-12 competirán 471 deportistas de 22 clubs galegos. Ao longo da xornada disputaranse probas de velocidade, fondo, marcha, saltos, lanzamentos e remudas. A competición Sub-10 realizararase entre as 10.00 e as 14.00 horas e a Sub-12 desenvolverase en horario de tarde, entre as 16.30 e as 20.30 horas.

O Coliseum acolle a 38.ª edición do Trofeo Miguelito

Outra das grandes citas deportivas da fin de semana será o 38.º Trofeo Miguelito, que se realizará este domingo no Coliseum e que constitúe unha das competicións de judo base máis importantes do país.

O torneo, organizado pola Federación Galega de Judo e o Concello da Coruña, reunirá uns 3.000 nenos e nenas procedentes de numerosos clubs e centros de ensino. O Miguelito é xa unha referencia consolidada dentro do deporte base e destaca tamén polo seu carácter inclusivo, cunha competición adaptada para judokas con diversidade funcional.

O evento leva o nome de Miguel Ángel López Pérez, judoka coruñés falecido con 19 anos, e ten como obxectivo fomentar a práctica do judo e os valores asociados ao deporte entre a mocidade. Ademais, a organización contará con máis de 100 persoas voluntarias que farán posible que se realice o evento. 

O Liceo segue a facer historia nos play-off da Liga OK

Outro dos grandes acontecementos deportivos destes días serán os dous primeiros partidos que o club de hóckey Liceo masculino xogará no Palacio dos Deportes contra o Calafell La Menorquina. O primeiro será o venres 29 ás 20.30 horas, seguido de outro choque o domingo 31 ás 12.00 h. O equipo coruñés, o máis laureado da historia do hóckey en Galicia e un dos máis destacados a nivel nacional, terminou a presente tempada regular como líder e superou o F.C. Barcelona. 

"O Liceo é un orgullo para toda a cidade. Agora, co título tan preto, é o momento de que os xogadores sintan o apoio e o alento de toda unha cidade. Sería o broche perfecto para unha tempada extraordinaria. Unha máis na gran historia de éxito deste club", apuntou Manuel Vázquez. Os outros dous equipos que quedan na pugna polo trofeo son o F.C. Barcelona e o Igualada Rigat HC, que se enfrontarán entre eles por conseguir a outra praza na final nacional.

O Campionato de España Infantil de Hóckey sobre Patíns chega á Coruña

A Coruña será tamén escenario esta fin de semana do Campionato de España Infantil de Hóckey sobre Patíns 2025/26, coa participación do Compañía de María como representante coruñés. O torneo desenvolverase no pavillón de Monte Alto ao longo de tres xornadas (venres 29, sábado 30 e domingo 31).

A competición reunirá equipos procedentes de diferentes puntos do Estado, entre eles o CP Riudebitlles e o CP Voltregà, de Cataluña; Alameda de Osuna e Virgen de Europa, da Comunidade de Madrid; Alcañiz, de Aragón; Santutxu HT, de Bilbao; ademais do Hockey Club Oleiros e o propio Compañía de María.

Disputarase en formato de fase de grupos, e converterá a cidade nun dos grandes puntos de encontro do hóckey base estatal. A presenza de clubs chegados de diferentes comunidades autónomas suporá ademais un importante impacto económico e de dinamización para a cidade.

V edición do Torneo e Gala do Club Rítmica Coruña

O pavillón municipal do Barrio das Flores acollerá este sábado a V edición do Torneo e Gala do Club Rítmica Coruña, unha cita xa consolidada dentro da ximnasia rítmica galega e que contará este ano cunhas 500 participantes de 21 clubs de diferentes puntos de Galicia. 

O torneo arrancará ás 10.00 horas e contará coa participación de ximnastas de diferentes categorías e clubs. Xa pola tarde, ás 18.00 horas, realizarase a gala final, nun evento pensado tamén para achegar esta disciplina deportiva ao público xeral e poñer en valor o traballo das escolas e clubs de base. Participarán máis de 200 ximnastas desde os 4 anos de idade en adiante e estarán representadas as Escolas Deportivas Municipais da Coruña, Colexio San Francisco Javier, Colexio Emilia Pardo Bazán, Colexio Zalaeta, Colexio Santo Domingo  e nenas de Escola do Club Rítmica Coruña.

O Parque de Bens acolle o III Trial Bici Cidade da Coruña

O Parque de Bens converterase este domingo nun dos escenarios deportivos máis espectaculares da fin de semana coa realización do III Trial Bici Cidade da Coruña.

A proba, organizada polo Club Trial Bici Coruña, desenvolverase entre as 10.00 e as 15.00 horas e contará coa participación de deportistas especializados nesta disciplina, na que os pilotos deben superar obstáculos naturais e artificiais sen apoiar os pés no chan.

O evento conta coa colaboración da Deputación da Coruña, a Federación Galega de Ciclismo e o Concello da Coruña, e permitirá achegarlle ao público unha modalidade deportiva en crecemento e cun importante compoñente técnico e visual. Ademais, o torneo inclúe categorías para todas idades e niveis, polo que é, a un tempo, un reto para as persoas máis expertas e unha primeira toma de contacto para as iniciadas. 

A Carreira dos Rosales completa a programación deportiva da fin de semana

A programación deportiva municipal completarase coa realización da XIII Carreira Popular dos Rosales, este domingo 31 a partir das 10.00 horas. É outra das citas destacadas da fin de semana deportiva na cidade e que volverá reunir numerosas persoas participantes nun percorrido urbano polo barrio.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, puxo en valor "o enorme traballo que realizan durante todo o ano os clubs, federacións e entidades deportivas da cidade". "A Coruña conta cun tecido deportivo moi forte e dinámico, fundamental para seguir impulsando competicións de primeiro nivel e fomentando o deporte entre as novas xeracións", concluíu.

Esta cita está incluída dentro do programa Coruña Corre, que ao longo de todo o ano leva as carreiras populares aos barrios da cidade co seu circuíto. Agárdase que máis de 1.300 corredores/as participen no evento. 

Os/as atletas poderán recoller os seus dorsais no Centro Comercial Cuatro Caminos o sábado 30 entre as 11.00 e 20.30 horas. O día da carreira, o polideportivo dos Rosales habilitará servizos de duchas e gardarroupa para os/as participantes.

Liga Galega Alevín de Natación

O sábado 30, a piscina de Riazor acollerá a 6.ª xornada da Liga Galega Alevín de Natación, na que participa o Club Natación Coruña. O equipo enfronta esta fin de semana un novo reto despois de acadar bos resultados na xornada anterior, que se disputou en Carballo. A cita comezará ás 17.00 horas, e enfrontará a representantes de clubs de diferentes puntos de Galicia. 

Campionato Galego Individual de Pesca Submarina

O venres preséntase o Campionato Galego Individual de Pesca Submarina, que se estenderá ao longo do sábado e o domingo -as probas comezan ás 9.00 horas en distintos puntos da costa da cidade-. Disputarase nas categorías absoluta feminina e masculina, sub-23 e veteranos. Este campionato, organizado polo Club  CAS Náutica e o Concello, alén de proclamar o campión galego nas diferentes categorías, é clasificatorio para o Campionato de España.

Categorías de la noticia

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión