30 de junio de 2026
Máis de 200 nadadores e nadadoras participarán na proba, que se disputará no Parrote con percorridos de 1.000 e 3.000 metros
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, presentaron esta mañá a IX Travesía Costa Coruña xunto a Sergio Castellanos, do Club Hércules XTRM, entidade organizadora da proba. A competición celebrarase este sábado 4 de xullo na dársena do Parrote e abrirá unha nova edición do Circuíto Travesía Costa, reunindo a máis de 200 nadadores e nadadoras procedentes de diferentes puntos de España.
Manuel Vázquez destacou a aposta do Goberno de Inés Rey por consolidar A Coruña como escenario de grandes eventos deportivos. "Seguimos impulsando competicións que fomentan a práctica deportiva, dinamizan a cidade e contribúen a poñer en valor a nosa fachada marítima como un espazo idóneo para acoller probas de primeiro nivel", sinalou o edil.
Pola súa banda, Nereida Canosa puxo en valor o carácter inclusivo da cita, aberta á participación de deportistas con distintos niveis de experiencia e que promove valores como o esforzo, a superación e a convivencia a través do deporte.
A IX Travesía Costa Coruña contará con dúas distancias adaptadas aos diferentes perfís das persoas participantes. A proba de 3.000 metros está dirixida aos nadadores e nadadoras con maior experiencia en augas abertas, mentres que a de 1.000 metros ofrece unha alternativa accesible para quen queira iniciarse nesta modalidade ou afrontar un percorrido máis curto. Ambas as dúas desenvolveranse na contorna da dársena do Parrote, un escenario privilexiado para a práctica deste deporte.
O evento contará cun amplo dispositivo de seguridade integrado por embarcacións de apoio, kaiaks, persoal socorrista, equipos sanitarios e voluntariado, co obxectivo de garantir o correcto desenvolvemento da competición.
A organización mantén, ademais, un firme compromiso coa inclusión e coa sustentabilidade, promovendo medidas para reducir o impacto ambiental da proba, fomentar a correcta xestión dos residuos e sensibilizar ás persoas participantes e acompañantes sobre a importancia da conservación do medio mariño.
A Travesía Costa Coruña será a primeira das sete probas que integran o Circuíto Travesía Costa 2026, que ao longo do verán tamén fará parada en Portosín, Oleiros, Sisargas-Malpica, Cedeira, Ézaro-Dumbría e Fisterra.

20 de abril de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible