6 de febrero de 2024
O torneo, de carácter nacional, terá lugar do 10 ao 18 de febreiro en Expocoruña e Coruña Sport Centre
O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, presentou esta mañá o torneo de pádel A Coruña Open, que servirá como proba inaugural do novo circuíto profesional Ultimate Padel Tour. O edil estivo acompañado polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e o presidente da Federación Galega de Pádel, Manuel Fernández.
A Coruña será a sede inaugural deste novo circuíto cun torneo internacional que terá lugar do 10 ao 18 de febreiro en Expocoruña, coa pista central e dúas auxiliares, e no club Coruña Sport Centre. "Desde o Goberno de Inés Rey levamos case cinco anos facendo da cidade unha referencia deportiva a nivel galego e nacional, coa programación de grandes competicións coma esta", indicou Castro durante a súa intervención.
Ultimate Padel Tour será unha competición profesional de ámbito internacional que busca expandir este deporte e proporcionar un torneo atractivo e competitivo para os e as grandes deportistas da modalidade. "O pádel é, hoxe en día, un dos deportes de moda e na Coruña queremos sumarnos e contar cun evento de gran nivel que nos posicione", sinalou Gonzalo Castro.
O torneo retransmitirase en directo a través das canles de YouTube e Twitch de Ultimate Padel Tour, cun total de seis partidos de martes a venres, catro semifinais o sábado e as dúas finais do domingo. O sábado 10 de febreiro disputarase a xornada previa masculina e feminina nas instalacións do Coruña Sport Centre e a partir do domingo 11 o cadro principal disputarase en Expocoruña.
De maneira paralela á celebración do torneo, o Concello e a Federación Galega de Pádel ofrecerán un clínic en Expocoruña, do 14 ao 18 de febreiro, no que os nenos e nenas da cidade, así como deportistas federados, poderán acudir e practicar este deporte xunto a profesionais. Ademais, o Concello repartirá entradas para o torneo nos centros educativos da cidade.
O acceso ás instalacións onde se disputa o torneo será libre ata a xornada do martes inclusive. As entradas para gozar da fase final poderán adquirirse na páxina web www.ultimatepadeltour.com.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible