21 de octubre de 2025
A Biblioteca de Estudos Locais acollerá unha charla sobre a histórica Biblioteca Germinal, referente cultural do movemento anarquista coruñés
A programación inclúe percorridos especiais polos centros da rede municipal e a entrega dun pasaporte bibliotecario
O Concello da Coruña súmase á celebración do Día das Bibliotecas cun programa especial que destaca o valor destes espazos como garantes do dereito á cultura e ao acceso a información veraz. Baixo o lema "Contra a desinformación: bibliotecas", a campaña deste ano reivindica o papel das bibliotecas públicas como ferramentas fundamentais na loita contra a desinformación e no impulso da alfabetización informacional e dixital.
A través das Bibliotecas Municipais, a cidadanía poderá participar nun calendario de visitas guiadas, mostras bibliográficas sobre libros censurados e outras actividades que visibilizan o labor diario destes centros como portas abertas á cultura.
As visitas realizaranse nos seguintes centros, nos días e horas sinaladas, sen necesidade de inscrición previa:
A participación nestas actividades poderá selarse nun pasaporte bibliotecario que estará dispoñible nos mostradores das bibliotecas. As persoas que completen o percorrido entre o 20 e o 31 de outubro recibirán un diploma de visitante top, e quen o entregue primeiro en cada centro será agasallado cunha pequena sorpresa.
Como acto central da programación, o venres 24 de outubro ás 19:00 h, a Biblioteca de Estudos Locais acollerá a conferencia "Cultura e movemento obreiro na Coruña: A biblioteca do CES Germinal (1902-1936)", a cargo dos divulgadores Dani Palleiro e Paco Ascón, recoñecidos polos seus traballos arredor da memoria histórica e o anarquismo na cidade.
O acto será presentado polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, quen puxo en valor esta iniciativa como "un exercicio de memoria democrática e de reivindicación do papel transformador que tiveron as bibliotecas populares na historia da Coruña". Castro destacou tamén que "recuperar a historia da Biblioteca Germinal é unha forma de render homenaxe ás persoas que crían no poder da cultura como ferramenta de xustiza social".
A Biblioteca Germinal foi fundada en 1903 polo Centro de Estudios Sociais Germinal, un colectivo de ideoloxía anarquista. Chegou a contar con máis de 8.000 volumes, centrados en temáticas prácticas e filosóficas, con especial atención á formación das clases traballadoras. A súa destrución en 1936 durante a represión franquista converteuna nun símbolo da memoria cultural coruñesa, episodio recollido na obra Os libros arden mal, de Manuel Rivas.
Esta iniciativa enmárcase na aposta do Goberno de Inés Rey por recuperar e poñer en valor a memoria cultural da cidade, a través da programación da Biblioteca de Estudos Locais, que dá continuidade á serie iniciada en 2022 centrada nas bibliotecas que existiron na cidade e no seu impacto social, con especial atención ao legado das bibliotecas obreiras.

13 de diciembre de 2025

12 de diciembre de 2025

12 de diciembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible