10 de febrero de 2026
Máis de 700 deportistas de toda España e Portugal competirán no Coliseum os días 14 e 15 de febreiro nun evento con entrada gratuíta
O Coliseum da Coruña acollerá esta fin de semana a XX edición da Copa Cidade da Coruña de Taekwondo, unha das citas máis destacadas do calendario nacional, que reunirá máis de 700 deportistas de todo o Estado e tamén de Portugal.
Nesta nova edición participarán delegacións de comunidades como Madrid, Castela e León, Cataluña, Valencia, Canarias e Baleares -que se incorpora este ano con varios clubs-, así como representación portuguesa. A proba está organizada polo Concello da Coruña en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo e a Escola de Taekwondo Garrapucho.
O evento servirá como clasificatorio galego para os campionatos estatais de cada categoría e será puntuable para o ránking nacional na categoría Máster, co que os resultados influirán no acceso ao Mundial e ao Europeo.
As categorías en competición serán: infantil, precadete, cadete, júnior, sénior e máster 1, 2 e 3. Toda a actividade deportiva desenvolverase no sábado 14, agás a categoría cadete, que competirá o domingo 15.
A entrada ao recinto será gratuíta ata completar capacidade e os horarios previstos serán de 09:00 a 13:30 e de 15:30 a 20:00 horas o sábado, e a partir das 09:00 horas o domingo.
O evento contará con máis de 150 profesionais implicados na organización e mantén o seu carácter solidario, recollendo alimentos non perecedoiros para a Cociña Económica por parte de participantes e público.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou "a capacidade do Coliseum para acoller grandes eventos de carácter deportivo" e puxo en valor a consolidación desta cita "que proxecta A Coruña como referente estatal nun deporte que fomenta valores como o respecto, o esforzo e o compañeirismo".
O deporte base tamén será protagonista coas Xornadas JK-Eduka de Judo
O domingo 15 de febreiro, o Pazo dos Deportes de Riazor acollerá as 5ª Xornadas JK-Eduka de Judo, unha actividade dirixida a judokas en idade escolar, na que participarán máis de 800 nenos e nenas de 20 centros da cidade e comarca, baixo a coordinación de 24 profesores/as do club JK-Eduka.
As xornadas inclúen combates adaptados nos que se fomenta a igualdade -con enfrontamentos mixtos- e a inclusión de rapaces e rapazas con discapacidade.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible