27 de marzo de 2021
A alcaldesa, Inés Rey, reunirase en Asturias o vindeiro martes coa súa homóloga de Avilés, Mariví Monteserín, na procura de saídas que garantan o futuro e as condición laborais das plantas de produción de aluminio
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, avanzou esta mañá que o vindeiro martes, 30 de marzo, viaxará a Asturias para reunirse coa alcaldesa de Avilés, Mariví Monteserín, para tratar sobre o futuro das plantas de Alu Ibérica. Rey indicou o seu desexo de constituír unha fronte común con Avilés (onde a empresa posúe unha factoría que atravesa por unha situación semellante á da Grela) para buscar unha solución que garanta o mantemento das fábricas e o máximo respecto ás condicións laborais dos seus traballadores.
A rexedora coruñesa recibiu os traballadores de Alu Ibérica que se manifestaron hoxe na Coruña, aos que amosou o seu total apoio nas súas demandas. "Non podemos permitir que o futuro de Alu Ibérica e das nosas industrias dependa de operacións dubidosas, nin podemos tolerar que non se respecten os dereitos dos traballadores", indicou Rey, quen cualificou a marcha como "unha manifestación histórica e unitaria da representación sindical en defensa da industria".
Rey amosoulles ás traballadoras e traballadores de Alú Ibérica o seu compromiso coa defensa dos dereitos dos traballadores, dos empregos, da industria e da liberdade sindical. A alcaldesa tamén quixo manifestar o seu apoio ao persoal traballador da factoría de Avilés, que tamén saíu hoxe á rúa para reivindicar o mantemento dos seus empregos.
"As institucións temos un papel fundamental, unha implicación no futuro da industria, non podemos obviar as nosas responsabilidades e as nosas competencias", apuntou a rexedora.
"O Concello da Coruña actuará coa máxima contundencia para manter os empregos na planta de Alu Ibérica e para garantir a actividade industrial nesta cidade", sinalou Rey. A rexedora destacou que o Goberno local apoia a reivindicación do persoal traballador para que non se vulneren os seus dereitos fundamentais e para que se garanta a continuidade da actividade na Coruña.
Ao remate da concentración desta mañá, a alcaldesa reuniuse en María Pita cunha representación do Comité de Empresa de Alu Ibérica na Coruña.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible