5 de septiembre de 2026
A xornada comezou cunha ofrenda floral ante o busto do alcalde Alfredo Suárez Ferrín nos xardíns de Méndez Núñez, coincidindo co 90 aniversario do seu asasinato
O Concello e COSITAL promoveron conxuntamente o acto de memoria democrática, no que participaron a alcaldesa, Inés Rey, o presidente do Colexio, José Antonio Rueda Valenzuela, xunto a familiares do homenaxeado e asociacións de memoria democrática
O Concello da Coruña e o Colexio Oficial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local (COSITAL) renderon hoxe homenaxe a Joaquín Martín Martínez, secretario municipal fusilado en 1936, coa inauguración dunha placa na súa memoria na praza das Atochas, no mesmo lugar no que foi detido cando se dirixía a María Pita para desenvolver o seu traballo. O acto estivo presidido pola alcaldesa, Inés Rey, e contou coa participación do presidente de COSITAL, José Antonio Rueda Valenzuela, familiares de Joaquín Martín Martínez e Alfredo Suárez Ferrín, membros da Corporación municipal, habilitados nacionais, empregados municipais e representantes de entidades vinculadas á memoria histórica.
Durante a súa intervención, Rey reivindicou a identidade democrática da cidade recuperando unhas palabras pronunciadas polo propio Suárez Ferrín no Palacio de María Pita o 14 de abril de 1936: "A historia política da Coruña é a dunha luminosidade rutilante pola democracia". Unha afirmación que, sinalou a alcaldesa, conserva plena vixencia nove décadas despois: "Aquela salvaxe ditadura non foi capaz de que os coruñeses e coruñesas abandonaran os seus ideais máis profundos", afirmou Rey, que reivindicou A Coruña como unha cidade historicamente ligada á liberdade, ao progreso e á democracia.
A alcaldesa puxo especialmente en valor a condición de servidor público de Joaquín Martín Martínez, ao que definiu como "outro bo home, outro símbolo do servizo público e do municipalismo de proximidade". O secretario municipal foi detido na propia praza das Atochas cando se dirixía ao Concello e posteriormente fusilado no Campo da Rata. "Queremos poñer en valor non só a figura de Joaquím e a memora de todas as vítimas que, coma el, sufriron a represión, senón tamén a das súas familias, que tiveron que afrontar as consecuencias daquelas ausencias e seguir adiante con elas", sinalou José Antonio Rueda.
Tras as intervencións, procedeuse ao descubrimento da placa xunto coa familia do homenaxeado, que depositaron tamén unha coroa de flores ao seu pé. A placa deixa desde hoxe constancia no espazo público da historia de Joaquín Martín Martínez: "Na memoria de Joaquín Martín Martínez, secretario do Concello da Coruña, detido neste lugar o 22 de xullo e fusilado no Campo da Rata o 31 de agosto de 1936 por defender a democracia e a liberdade fronte o fascismo".
Homenaxe a Alfredo Suárez Ferrín
Previamente, a xornada de memoria democrática comezou nos xardíns de Méndez Núñez cunha ofrenda floral ante o busto do alcalde Alfredo Suárez Ferrín, asasinado tamén pola represión franquista hai agora 90 anos. Alí, Rey anunciou ademais o seu compromiso de converter esta homenaxe nun acto anual de memoria democrática, en lembranza de Suárez Ferrín e das demais persoas represaliadas. "A historia da Coruña e a súa defensa das liberdades ben o merecen", sinalou.
Na súa intervención posterior, a alcaldesa vinculou as figuras de Suárez Ferrín e Joaquín Martín coa memoria do resto das vítimas da represión na cidade, lembrando tamén a Francisco Prego, funcionario municipal; Manuel Guzmán, deputado de Izquierda Republicana e traballador do porto; e o socialista Francisco Mazariegos, entre outras vítimas da violencia exercida no Campo da Rata. "Foron vítimas, pero este acto afirma que imos recordalos tamén como faros", concluíu Rey.
Casa Cornide, un novo paso na recuperación da memoria
O compromiso do Concello coa recuperación da memoria democrática terá continuidade a vindeira semana no Pleno municipal. O Goberno local levará á sesión plenaria a anulación dos acordos adoptados no ano 1962 que permitiron que a Casa Cornide acabase en mans da familia Franco, un novo paso no proceso impulsado polo executivo de Inés Rey para recuperar este patrimonio para a cidadanía: "A memoria democrática non pode limitarse a lembrar o que aconteceu. Temos tamén a responsabilidade de reparar, de recuperar o que é de todos e de actuar desde as institucións para que a nosa historia ocupe o lugar que lle corresponde", sinalou a alcaldesa.
A iniciativa dá continuidade ao traballo desenvolvido polo Concello nos últimos anos arredor da Casa Cornide, declarada Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 2023 a instancias do Goberno municipal, e á defensa da súa recuperación como parte do patrimonio histórico e da memoria colectiva da Coruña.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible