21 de septiembre de 2026
A rúa permanecerá pechada ao tráfico mañá entre as 17.00 e as 20.00 horas e acollerá circuítos de bicicleta e patinaxe, marcha nórdica, zumba e a actuación da Coral Polifónica El Eco
A Coruña pechará mañá martes 22 a Semana Europea da Mobilidade 2026 coa celebración do Día sen Coches, unha última xornada que levará á rúa Concepción Arenal diferentes propostas abertas e gratuítas para achegar á cidadanía alternativas de mobilidade sostible. A alcaldesa, Inés Rey, destacou que esta última xornada "permítenos ver que pasa na cidade cando as persoas recuperan o espazo público e como podemos avanzar cara a rúas máis pensadas para todos e todas".
A rúa permanecerá pechada ao tráfico entre as 17.00 e as 20.00 horas, converténdose durante tres horas nun espazo para a práctica deportiva, a divulgación e a sensibilización arredor da mobilidade. Galicia Rollers celebrará na praza de Tabacos unha xornada de portas abertas, con patíns a disposición das persoas que queiran probar esta modalidade e pequenas exhibicións de freestyle a partir das 17.30 horas, nunha actividade á que se sumará a escola de danza Punto Cero, con dous pases de baile urbano. Haberá tamén un circuíto de bicicleta co Club Triatlón Coruña e unha actividade de marcha nórdica con AMI. A partir das 19.00 horas será a quenda do Club Ximnasia Coruña, que ofrecerá unha exhibición de ximnasia artística. E entre as 18.00 e as 19.00 horas celebrarase unha sesión aberta de zumba con Termaria e, ás 18.00 horas, actuará a Coral Polifónica El Eco.
A programación incluirá tamén, entre as 17.00 e as 18.00 horas, a mesa redonda 'Respirar e escoitar a cidade, o prezo da nosa mobilidade', centrada na relación entre mobilidade, calidade do aire e ruído. Nela participarán Purificación López-Mahia, catedrática de Química Analítica da Universidade da Coruña e directora do Instituto Universitario de Medio Ambiente; David Cartelle, director de Operacións de Air & Climate en SUEZ España; e Roi Arias, experto en acústica ambiental e responsable técnico de Proceso Dixital de Audio.
O encontro estará moderado polo consultor e divulgador en sustentabilidade Pedro Tasende e será na carpa da concellaría de Medio Ambiente. Durante a mesa abordaranse cuestións como as principais fontes de emisión, especialmente o tráfico, as novas esixencias en materia de calidade do aire, o impacto na saúde, o ruído e a paisaxe sonora e as tecnoloxías de medición e monitorización ambiental.
Pola mañá, as instalacións da Semana Europea da Mobilidade na praza de Tabacos seguirán abertas ao público ata as 13.00 horas. A cidadanía poderá achegarse aos puntos de información sobre BiciCoruña e o transporte urbano, coñecer o funcionamento dos sistemas municipais de control e medición da mobilidade, así como información sobre calidade do aire e seguridade e educación viaria. A Policía Local ten previsto desenvolver tamén na praza un circuíto de habilidades e educación viaria coa colaboración da Xefatura Provincial de Tráfico.
Máis de 30.000 persoas pasaron por Tabacos desde o mércores
A Semana Europea da Mobilidade chega á súa última xornada cun balance de máis de 30.000 persoas que pasaron pola zona de carpas da praza de Tabacos desde a súa apertura o pasado mércores. Ata o venres pola mañá xa se contabilizaran arredor de 12.500 persoas, unha afluencia que continuou medrando durante a fin de semana. Só entre o venres e o domingo rexistráronse máis de 20.000 persoas na zona: 7.372 o venres, 7.641 o sábado e 5.271 o domingo.
Entre as actividades con maior participación, case 200 persoas sumáronse aos roteiros de Galicia Rollers, arredor dun cento participaron no roteiro veciñal pola Rolda Peonil, 186 persoas asistiron á proxección de 'El 47' e outras 334 á sesión de 'E.T. El extraterrestre'.

16 de septiembre de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible