13 de abril de 2026
Haberá cortes de tráfico a partir das 11.00 horas no paseo marítimo e en barrios como Monte Alto, Riazor, Labañou, Os Rosais e O Portiño, así como cambios nas paradas de seis liñas de autobús
A cidade da Coruña acollerá mañá, martes 14 de abril, a saída de O Gran Camiño 2026, unha das probas ciclistas máis destacadas do calendario internacional, que arrincará cunha contrarreloxo individual con saída e meta na Torre de Hércules.
A etapa inaugural desenvolverase integramente na cidade, cun percorrido pola contorna do paseo marítimo que converterá A Coruña no foco da atención mediática internacional durante a xornada.
Con motivo da celebración da proba, o Concello ten previsto un operativo específico que implicará afeccións ao tráfico rodado, ao estacionamento e ao transporte público en distintos puntos da cidade.
Cortes de tráfico e recomendacións
Os cortes de tráfico produciranse especialmente no paseo marítimo e nas vías da súa contorna, con restricións que se intensificarán ao longo da mañá e durante o desenvolvemento da proba.
O Concello recomenda evitar o uso do vehículo privado nas zonas afectadas e planificar os desprazamentos con antelación, especialmente nos barrios de Monte Alto, Riazor, Labañou, Os Rosais e O Portiño.
Información por sectores
Co obxectivo de facilitar a mobilidade, habilitouse información detallada dividida en tres sectores: Torre de Hércules-Riazor, Escravas-Labañou e Os Rosais-O Portiño.
A cidadanía pode consultar os mapas interactivos con todos os detalles sobre cortes, desvíos e itinerarios alternativos.
Transporte público
Durante a xornada de mañá, veranse afectadas as liñas de autobús urbano 3, 3A, 7, 11, 12 e 14, con anulación de paradas nas zonas incluídas no percorrido.
No caso das liñas 12 e 14, establecerase unha parada provisional na rúa Manuel Azaña.
Tamén se producirán limitacións no servizo de taxi nas zonas afectadas e quedarán fóra de servizo as estacións de BiciCoruña situadas no circuíto.
Dispositivo de seguridade
O operativo contará coa participación da Policía Local, Protección Civil e os servizos municipais, co obxectivo de garantir o correcto desenvolvemento da proba e compatibilizala coa actividade diaria da cidade.
O acceso estará garantido en todo momento para os servizos de emerxencia.
O Concello da Coruña agradece a colaboración da cidadanía e lembra a importancia de seguir as indicacións do persoal autorizado durante a celebración do evento.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible