17 de enero de 2023
Fontán tomou parte este martes na xornada técnica correspondente á segunda fase da Unidade Mixta de Gas Renovable
A concelleira Esther Fontán puxo á EDAR Bens como exemplo da aposta do Concello da Coruña polas enerxías limpas e renovables
As instalacións da depuradora de Bens acolleron esta mañá a xornada técnica da segunda fase da Unidade Mixta de Gas Renovable, unha iniciativa surxida da colaboración establecida con Naturgy, o centro tecnolóxico EnergyLab e Edar Bens S.A., a empresa pública supramunicipal que depura as augas residuais da Coruña e a súa contorna.
A concelleira de Medio Ambiente e Sustentabilidade, Esther Fontán, tomou parte na sesión celebrada esta mañá na estación de depuración de augas residuais, onde a finais deste outono entrou en funcionamento unha nova turbina que aproveita o caudal do emisario para xeración de enerxía eléctrica coa que producir hidróxeno verde, un dos gases renovables con maior proxección a escala global. Grazas a esta iniciativa, a depuradora da Coruña será a primeira de Galicia en producir hidróxeno verde aproveitando os seus propios recursos e empregando o electrolizador, xa instalado para completar o proceso.
"Estimamos que a EDAR de Bens comezará a xerar hidróxeno verde a finais deste mes", indicou a concelleira de Medio Ambiente, que valorou a utilidade deste gas para mesturalo, por exemplo, con biometano (que se produce en Bens froito do procesamento dos residuos e que se inxecta xa na rede comercial), mellorando a capacidade enerxética deste último. Por outra banda, poderá empregarse como combustible. "Coa capacidade da EDAR para producir este hidróxeno estimamos que se podería subministrar de combustible a dous autobuses urbanos", detallou Esther Fontán, que puxo á EDAR como exemplo da aposta do Concello da Coruña polas enerxías limpas e renovables. Fontán destacou o pulo dado no actual mandato ao aproveitamento dos recursos propios para xerar enerxía desde a EDAR, entidade que preside a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e da que o Concello é socio maioritario.
A concelleira de Medio Ambiente e Sustentabilidade puxo en valor os avances experimentados pola EDAR na obtención de combustibles renovables, "o que amosa o compromiso do Goberno de Inés Rey para aproveitar todo o potencial da EDAR coruñesa, que forma parte da nosa aposta de futuro para gañar autonomía enerxética, obténdoa a partir dos nosos recursos e de fontes renovables".
Durante a xornada técnica que tivo lugar esta mañá, Fontán estivo acompañada polo director xeral de Edar Bens S.A., Carlos Lamora; o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta, Francisco Conde; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argirey; o director de Innovación de Naturgy, Jesús Chapado; e o director xeral de EnergyLab, Fernando Val, entre os diversos representantes institucionais que tomaron parte na presentación da Unidade Mixta de Gas Renovable.
A EDAR de Bens é, desde o mes de xaneiro de 2022, a primeira planta de tratamento de augas residuais de España en inxectar biogás na rede comercial de distribución, obtido mediante un sistema de membranas no tratamento dos residuos que chegan á estación de Bens. Actualmente, a planta produce 60 Nm3 á hora, o que en termos comparativos sería equivalente ao consumo de mil familias.
18 de abril de 2024
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible