7 de marzo de 2025
A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, puxo en valor “as posibilidades que ofrecen os Museos Científicos para educar e espertar sensibilidades na poboación”
A exposición temporal itinerante 'Menssana' é unha mostra que persegue promover a saúde mental na poboación xuvenil e erradicar falsos mitos que adoitan xerar a un estigma social de quen decide pedir axuda profesional. "Desde o Goberno de Inés Rey somos coñecedores do potencial que teñen os espazos municipais e as posibilidades que ofrecen os Museos Científicos para educar e espertar sensibilidades na poboación, a través de mostras como esta", indicou Nereida Canosa, concelleira de Benestar Social, durante o acto de presentación.
"A saúde mental enfronta importantes desafíos na sociedade, como o estigma social e a discriminación, cuestións que xorden do descoñecemento e que afectan tanto a quen padece trastornos mentais como á súa contorna. Pero ademais existen moitos aspectos que aínda se descoñecen da bioloxía, anatomía, bioquímica, psicoloxía dos trastornos mentais e que só se poden abordar desde unha investigación experimental", dixo Canosa, que estivo acompañado no acto pola directora da Domus, Patricia Barciela, o comisario da exposición, Óscar Huertas, o asesor científico da exposición, Idalino Rocha, e o director dos Museos Científicos Coruñeses, Marcos Pérez Maldonado.
A exposición que se presenta agora na Domus ten como obxectivo visibilizar e normalizar os trastornos mentais, promovendo unha maior comprensión desde un punto de vista científico e social, fomentando a saúde mental e o benestar da sociedade.
A mostra consta de seis grandes módulos cúbicos nos que se abordan unha ducia de áreas temáticas a través de paneis cun deseño gráfico impactante acompañados de información, infografías, ilustracións e outros recursos para falar sobre o cerebro como órgano moi complexo na súa bioloxía e moi sensible á contorna, os trastornos mentais a través das películas e series, a plasticidade neuronal, a psiquiatría como especialidade médica, as drogas e como cambian o cerebro, a ansiedade, a depresión e o suicidio, a esquizofrenia, o trastorno obsesivo compulsivo, os trastornos de conduta alimentaria. E en última instancia educar en aspectos clave do benestar cognitivo e emocional, entendendo que a perda do devandito benestar aumenta o risco de sufrir algún trastorno mental.
Nestes módulos, ademais de paneis divulgativos preséntanse algunhas actividades, como un espazo cun espello e un muro para que o público poida deixar un post-it expresando como sente.
Actividades complementarias
'Menssana' pretende ir máis aló dos contidos que presentará a exposición e desenvolverá diversas accións divulgativas. Producirase unha versión da exposición Do It Yourself (DIY) para imprimir e levar a centros de ensino. Esta versión da exposición estará dispoñible en español, galego, catalán e éuscaro. Xunto coa exposición DIY farase unha proposta educativa de traballo a desenvolver polo propio centro escolar cunha serie de propostas didácticas.
Ademais, aproveitando que a exposición itinerará en dous museos (Parque das Ciencias de Granada e Domus da Coruña) e en diversos centros educativos coa versión DIY, desenvolverase unha investigación con todo o público da mostra (alumnado, familias, asociacións de pacientes e público xeral).
'Menssana' está liderada polo grupo de Psiquiatría Traslacional (PsyNal) do Instituto de Biomedicina de Sevilla - Hospital Universitario Virgen del Rocío, adscrito ao Centro de Investigación Biomédica en Red de Salud Mental (CIBERSAM). Coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECyT), Ministerio de Ciencia Innovación e Universidades, e coproducida polo Parque de las Ciencias de Granada e os Museos Científicos do Concello da Coruña.

24 de abril de 2026

25 de marzo de 2026

16 de marzo de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible