14 de octubre de 2025
A nova vertente formativa, unha das grandes novidades da tempada
A Orquestra Gaos presentou esta mañá a programación da súa 17ª tempada, que contará con cinco actuacións na Coruña. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou na presentación, que tivo lugar no Teatro Colón, un dos espazos nos que se desenvolverá esta temporada.
"Desde o Goberno de Inés Rey continuamos apoiando, un ano máis, a unha das formacións sinfónicas de referencia en Galicia, que nos permite enriquecer a nosa programación cultural", sinalou Gonzalo Castro, que estivo acompañado polo director artístico e musical da Orquestra Gaos, Fernando Briones. Tamén participaron na rolda de prensa o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o concelleiro de Cultura do Concello de Cambados, Liso Xironsa.
A Orquestra Gaos segue a destacar polo seu carácter aberto, colaborativo e educativo, ofrecendo oportunidades a solistas galegos e mozos talentos, impulsando o traballo con fundacións, asociacións e escolas artísticas, e contando co apoio constante dun numeroso grupo de socios e colaboradores que fan posible o seu crecemento ano tras ano, engadindo este ano unha segunda sede no Concello de Cambados.
Unha das grandes novidades da programación será a vertente formativa da man de Andrea Vilar, quen continuará achegando a música ao público a través de introducións didácticas nos concertos, unha maneira de facilitar a escoita, romper prexuízos e demostrar que a música clásica "para nada está pasada de moda" e pode ser un espazo único para emocionarse e abrirse a novas experiencias.
Programación da tempada
Ismael Serrano Sinfónico | 14 de decembro, 20.00 horas | Palacio da Ópera
Un encontro entre o mundo da canción de autor e a música sinfónica, nun formato que revisa algunhas das pezas máis emblemáticas da traxectoria do cantautor madrileño, acompañadas polo son e a forza da Orquestra Gaos.
De Película! | "2 de decembro, 20.30 horas | Palacio da Ópera
O tradicional concerto solidario de Nadal en colaboración coa FIBS Padre Rubinos, o Coro Gaos e a Escola de Danza Druida. Un percorrido por bandas sonoras inesquecibles de filmes como 'Star Wars', 'Avatar', 'ET', 'Forrest Gump' ou 'Cómo entrenar a un dragón', que combina música, emoción e solidariedade.
Futuro | 1 de marzo de 2026, 19.30 horas | Teatro Colón
Unha aposta polo talento das novas xeracións, coa participación dos gañadores do Concurso das II Xornadas de Frauta de Galicia: Álvaro Martínez Ruiz, Sofía Vidal e Celia Órpez. Tres mozos intérpretes galegos, de entre 10 e 15 anos, que interpretarán obras de Gluck, Chopin e Borne, acompañados pola Orquestra Gaos, que completará o programa coa 'Guía de orquesta para jóvenes de Britten'.
Rossini | 19 de marzo de 2026, 19.30 horas | Teatro Colón
Un programa centrado na figura de Gioachino Rossini, coñecido pola súa brillante produción operística pero tamén polo seu humor e frescura na música instrumental. O fagotista Esteban García interpretará o Concerto para fagot e orquestra, completando o programa coa suite 'La boutique fantasque' de Respighi sobre temas do compositor italiano.
Groove! | 28 de xuño de 2026, 19.30 horas | Teatro Colón
O peche da tempada estará marcado polo ritmo, a vitalidade e a enerxía do continente americano. Obras de Bernstein, Galliano, Copland e Márquez conforman un programa cheo de cor e movemento, coa participación do acordeonista Nuno Estévez como solista

18 de enero de 2026

16 de enero de 2026

16 de enero de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible