23 de septiembre de 2026
A alcaldesa destaca a proxección internacional da OSG vinte anos despois da súa primeira xira americana
A alcaldesa, Inés Rey, presentou a xira que a Orquestra Sinfónica de Galicia realizará en Colombia entre o 2 e o 4 de outubro no marco do XV Festival Internacional de Música Sacra de Bogotá, unha das citas musicais máis destacadas de América Latina.
A rexedora puxo en valor o regreso da OSG ao continente americano dúas décadas despois da súa primeira xira internacional na rexión e destacou que esta participación confirma "o extraordinario momento que vive a nosa orquestra e a consolidación dun proxecto cultural que, desde a Coruña, é capaz de situarse nos grandes escenarios do mundo". Rey estivo acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e o xerente do Consorcio para a Promoción da Música, Juan Antonio Cuéllar.
A Sinfónica viaxará a Bogotá baixo a dirección do seu titular, Roberto González-Monjas, que asumirá ademais o papel de solista de violín nun ambicioso programa monográfico dedicado a Wolfgang Amadeus Mozart. Ao longo de tres concertos, a formación interpretará a integral dos cinco concertos para violín do compositor austríaco, ademais de dúas das súas grandes obras sacras: o 'Réquiem' e a 'Misa da Coroación'.
Durante a súa intervención, Inés Rey lembrou a aposta realizada polo Goberno municipal para fortalecer a institución nos últimos anos. "Desde o Concello traballamos para reforzar a súa estabilidade, impulsar novos proxectos artísticos, ampliar públicos, fortalecer a actividade educativa e recuperar con forza a súa vocación internacional", sinalou. A alcaldesa subliñou que a presenza da OSG en Colombia supón "entrar nun dos grandes foros culturais de América Latina" e destacou especialmente a oportunidade de establecer novas alianzas internacionais a través da música. Neste sentido, a orquestra colaborará co Coro Nacional do Perú, dirixido por Javier Súnico, e co Coro Nacional de Colombia, baixo a dirección de Diana Cifuentes.
Os concertos celebraranse na Igrexa de San Ignacio de Bogotá. O primeiro deles, o venres 2 de outubro, incluirá o 'Concerto para violín nº 1' e o 'Réquiem' de Mozart na versión de Robert Levin, coa participación do Coro Nacional do Perú. O sábado 3 de outubro a OSG interpretará os concertos para violín números 2, 3 e 4. Finalmente, o domingo 4 de outubro ofrecerá o 'Concerto para violín nº 5' e a 'Misa da Coroación', xunto ao Coro Nacional de Colombia.
Inés Rey remarcou que a Orquestra Sinfónica de Galicia constitúe "unha das institucións culturais máis prestixiosas de España" e "un dos mellores embaixadores da cidade". "Cada vez que a OSG sobe a un escenario internacional non só interpreta música. Está representando unha cidade, mostrando unha forma de entender a cultura e levando ao exterior unha Coruña moderna, aberta, creativa e ambiciosa", afirmou.

23 de septiembre de 2026

21 de septiembre de 2026

20 de septiembre de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible