5 de junio de 2026
A tempada contará con 24 concertos do abono venres e 12 do abono sábado
A Orquestra Sinfónica de Galicia presentou hoxe a súa tempada 2026-2027, titulada Raíces, concibida polo seu director titular, Roberto González-Monjas. A nova tempada contará con 24 concertos do abono venres e 12 do abono sábado, e propón un percorrido artístico pola memoria, a identidade e os vínculos culturais que atravesan a música sinfónica. A alcaldesa, Inés Rey, presidiu a rolda de prensa de presentación da tempada, acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. Tamén participaron no acto o presidente do Consorcio para a Promoción da Musica, Juan Antonio Cuéllar, a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a deputada provincial Avia Veira.
"O Concello continía a acompañar e impulsar a programación da OSG como gran baluarte cultural de Galicia", indicou Rey, que destacou os últimos fitos da orquestra: "A boa saúde da formación e da institución pódese comprobar coa xira por Reino Unido, que xerou unha moi alta expectación e deixou moi boas críticas".
Desta volta, Raíces expón unha tempada que mira ao pasado para proxectarse cara ao futuro. O concepto articúlase a través de varios eixos: a conexión con Galicia e co ecosistema cultural construído ao redor da OSG; a relación entre Europa e América Latina; a presenza de grandes fitos do repertorio sinfónico; a creación contemporánea; a música coral; a ópera; e os proxectos educativos e participativos.
A tempada 2026-2027 supón tamén unha renovación da imaxe corporativa da OSG, cunha nova identidade visual inspirada en Galicia. Esta aposta gráfica acompaña o concepto de Raíces e reforza a conexión da orquestra co seu territorio, a súa paisaxe cultural e a comunidade á que pertence.
Unha tempada unida pola memoria, a identidade e Galicia
A nova programación profunda na relación da OSG con Galicia, coa Coruña e cos creadores vinculados á historia da orquestra. A tempada incorpora obras de compositores galegos e de autores estreitamente ligados á contorna cultural da OSG, como Andrés Gaos, Jesús Bal y Gay, Rogelio Groba, Fernando Buide, Mario Cortizo, Fernando Mosquera, Octavio Vázquez, Jesús Durán, Wladimir Rosinskij ou Gabriel Bussi.
A tempada contará tamén coa participación de Abraham Cupeiro en MYTHOS, un gran proxecto participativo e multidisciplinar que explora as orixes ancestrais da música, os instrumentos primitivos e as conexións entre tradición oral, ritual e creación contemporánea.
Mahler e Beethoven, dous grandes eixos sinfónicos
Un dos grandes fíos condutores da tempada será Gustav Mahler. A tempada de abono abrirase coa monumental Sinfonía nº 3, baixo a dirección de Roberto González-Monjas, coa mezzosoprano Yajie Zhang, o Coro da Sinfónica de Galicia e o Coro de Nenos da Sinfónica de Galicia. Este programa realizarase ademais en colaboración coa Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia.
A presenza de Mahler continuará ao longo da tempada con distintas aparicións simbólicas: a Sinfonía nº 1 formará parte do programa de abono da Orquestra Nova en xaneiro; Blumine soará en abril; e os Rückert-Lieder estarán presentes en maio. Esta presenza transversal permite trazar un percorrido polas raíces da modernidade orquestral e pola memoria emocional da tradición sinfónica europea.
A tempada renderá homenaxe tamén a Ludwig van Beethoven en marzo de 2027, coincidindo coa conmemoración dos 200 anos da súa morte. A OSG presentará un programa integramente dedicado ao compositor, cos seus dous Romanzas para violín e as Sinfonías nº 1 e nº 2, baixo a dirección do concertino Massimo Spadano.
Grandes nomes, repertorio sinfónico e proxección internacional
A tempada reunirá a directores e solistas de referencia, entre eles Roberto González-Monjas, Dima Slobodeniouk, Víctor Pablo Pérez, José Trigueros, Joana Carneiro, Carlos Miguel Prieto, Paolo Bortolameolli, Otto Tausk, Richard Egarr, Alexander Liebreich, Karl-Heinz Steffens, Nicolas Altstaedt, Karen Gomyo, Clara-Jumi Kang, Leticia Moreno, Kevin Chen, Chen Reiss, Okka von der Damerau ou Eduardo Rojas, entre outros.
O repertorio sinfónico percorrerá obras de Mahler, Beethoven, Mozart, Haydn, Brahms, Dvořák, Schumann, Mendelssohn, Chaikovski, Shostakóvich, Rachmaninov, Stravinski, Falla, Turina, Fauré, Korngold ou Rimsky-Korsakov, xunto con propostas de creación contemporánea e obras vinculadas a Galicia.
A dimensión internacional da tempada terá unha presenza salientable coa xira a Colombia, na que a OSG ofrecerá tres concertos na Igrexa de Santo Ignacio de Bogotá, con Roberto González-Monjas como director e violinista. O programa estará centrado en Mozart e incluirá concertos para violín, o Réquiem na versión de Robert Levin e a Misa da Coroación, coa participación do Coro Nacional do Perú e o Coro Nacional de Colombia.
A orquestra participará ademais noutros proxectos fóra da Coruña, con concertos previstos en cidades como Vigo, Ferrol, Santiago de Compostela, Valladolid e Bilbao, onde a OSG estará presente no Festival Musika-Música.
Ópera, cine, música coral e proxectos extraordinarios
A tempada 2026-2027 incorporará tamén a participación da OSG na Temporada Lírica, con títulos como Jenůfa, de Leoš Janáček, e Tosca, de Giacomo Puccini, no Palacio da Ópera da Coruña.
A programación abrirase en agosto co concerto na praza de María Pita, dirixido por Roberto González-Monjas e con Javier Perianes como solista, nun programa con obras de Falla, Fernando Buide, Turina e Juan Montes.
A OSG participará tamén no Festival Internacional de Música de Cine da Coruña, con programas dedicados a bandas sonoras de José María Cancela, Christophe Beck, John Debney e Rachel Portman. Ao longo da tempada haberá ademais concertos extraordinarios dedicados ao música disco, a música de cine western e a música mexicana.
A música coral, baixo a dirección xeral de Javier Fajardo terá un papel salientable grazas á participación do Coro da Sinfónica de Galicia e os coros Son Futuro, que intervirán en distintos programas da tempada e reforzarán a idea de continuidade xeracional e transmisión artística.
Compromiso educativo, Son Futuro e participación da Orquestra Nova
A tempada 2026-2027 reforzará o compromiso da OSG coa educación musical e coa formación de novas xeracións de intérpretes e públicos, cun apoio decidido ás agrupacións de Son Futuro, o programa educativo da Sinfónica de Galicia.
A Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia terá un papel especialmente relevante. Alén da súa participación en distintos encontros ao longo da tempada, contará cun programa dentro do abono de venres, previsto en xaneiro, con obras de Fernando Buide, Gershwin e Mahler.
A programación educativa incluirá tamén concertos didácticos e propostas en familia, entre elas MYTHOS, con Abraham Cupeiro, e Walt y Diana, el viaje continúa, unha proposta dirixida ao público escolar e familiar que recupera grandes cancións do imaxinario audiovisual.
A través destes proxectos, a OSG mantén a súa aposta por achegar a música sinfónica a novos públicos, crear espazos de acceso á cultura e fortalecer o vínculo entre a orquestra, a cidade e a comunidade educativa.

4 de junio de 2026

13 de mayo de 2026

11 de mayo de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible