25 de septiembre de 2018
O executivo municipal dará luz verde á apertura do prazo de presentación de solicitudes de subvencións económicas, que se rexerán pola modificación da ordenanza recentemente aprobada, que aumenta as contías a percibir en toda a cidade, especialmente na zona Pepri e nos núcleos históricos
A Xunta de goberno local dará luz verde na súa reunión desta semana á convocatoria de presentación de solicitudes de subvencións para a realización de obras de rehabilitación en edificios e vivendas de toda a cidade. O executivo municipal destinará 2.649.831 euros ao financiamento destas axudas económicas, que se rexerán pola modificación da ordenanza de rehabilitación impulsada polo goberno local aprobada de forma definitiva en Pleno a principios deste mes. Segundo recorda o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, a modificación da ordenanza tradúcese nun aumento das contías máximas por subvención para os inmobles e os locais comerciais situados dentro da área do Plan Especial de Protección e Reforma Interior da Cidade Vella e a Pescaría (Pepri) e a creación dunha axuda complementaria segundo ingresos para a rehabilitación de vivenda en toda a cidade "que permita loitar contra a xentrificación e axude a fixar poboación".
O prazo de presentación de solicitudes de axuda será de 15 días hábiles, que comezarán a contar ao día seguinte da publicación do acordo da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP). As persoas que acudan a esta convocatoria deben facelo segundo o modelo oficial de solicitude publicado na páxina web do concello (www.coruna.gal/vivenda), que tamén está a disposición da cidadanía na propia Oficina Municipal de Rehabilitación e Vivenda (rúa Caballeros, 21). De forma xeral, son actuacións subvencionables as obras de conservación e rehabilitación de elementos comúns de edificios cunha antigüidade superior aos 50 anos, as obras dirixidas á adecuación urbanística dos edificios previstas polo plan xeral ou especial que o desenvolva, así como corrixir elementos construtivos que estean fóra de ordenanza, ás actuacións destinadas á adecuación de habilitabilidade de vivendas individuais de máis de 50 anos, así como a adecuación de locais nas áreas de rehabilitación declaradas polo Concello.
"A concesión das subvencións farase en réxime de concorrencia competitiva e a valoración das solicitudes rexerase co establecido na ordenanza de rehabilitación", indicou Varela, que destacou que "a aplicación dos cambios introducidos na ordenanza municipal, tradúcese nun novo paso do goberno local no seu obxectivo de facilitar o acceso de toda a cidadanía a unha vivenda digna".
Estas axudas municipais á rehabilitación son compatibles con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, coa limitación de que a suma de todas as achegas económicas directas non pode superar o custo total das obras. O prazo de execución das actuacións de rehabilitación indicarase na resolución inicial da subvención pero, en todo caso, non poderá ser superior a un ano, podendo prorrogarse este prazo como moito en seis meses.
Aumento das axudas tras a modificación da ordenanza
A modificación da ordenanza de rehabilitación impulsada polo goberno local supón unha suba substancial dos límites de subvención, tanto en ámbito Pepri como no resto da cidade. De forma xeral, as contías incrementaranse de 5.000 a 15.000 euros para vivendas unifamiliares catalogadas no ámbito Pepri (12.000 no caso de edificios con varias persoas inquilinas para realizar obras de conservación dos elementos comúns), mentres que nas vivendas unifamiliares non catalogadas pasarase de 3.000 a 12.000 euros de axudas (9.000 en casos de vivenda xeral). "O que estamos a facer con estes cambios é equipararnos coas maiores subvencións doutras cidades galegas, ademais de igualarnos coas axudas do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021", salienta o responsable municipal, que recorda que, por exemplo, a contía máxima de subvención en Pontevedra é de 15.000 euros, sendo de 11.600 euros para o casco vello de Vigo e de 10.000 para zonas do barrio histórico.
A modificación da ordenanza amplía tamén a extensión das axudas seguindo criterios de renda, como unha axuda complementaria, en todas as categorías de subvención á rehabilitación que existen actualmente para a mellora enerxética, instalación de ascensores ou adaptación á normativa cando non é a residencia habitual dunha persoa con diversidade funcional. Segundo a norma vixente, o máximo de axuda subiría do 10% que ten como límite actual a un máximo do 30% por motivos de ingresos familiares. Ademais, entre outras novidades, os locais comerciais da zona Pepri tamén poderán optar a axudas de maior contía. A porcentaxe da axuda sobre o total do investimento incrementouse do 25% ao 50% cun límite de 12.000 euros. Esta medida encaixa co obxectivo de dinamización comercial do Plan de Revitalización da Cidade Vella posto en marcha polo goberno local.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible