11 de marzo de 2016
O alcalde destaca tamén os cambios aprobados no convenio da concesión do ascensor do Monte de San Pedro, que “van permitir un aforro moi importante dos gastos que o Concello da Coruña viña soportando”
A Xunta de Goberno local celebrada na mañá deste venres puxo en marcha o proxecto de modificación do Plan Xeral de ordenación Urbana (PXOM), relativo ao polígono industrial de Agrela Bens e a Fábrica de Armas, e que, como sinalou hoxe o alcalde, Xulio Ferreiro, en rolda de prensa, está relacionado co protocolo asinado no seu día polo Concello da Coruña e a empresa Hijos de Rivera. “Este Goberno local ten intención de aproveitar esta oportunidade para mellorar as dotacións deportivas da cidade”, salientou, e indicou que, vinculado a esta acción, o Goberno local comunícalle ao Ministerio de Defensa a intención de executar a opción de compra das piscinas do club deportivo da Fábrica de Armas, “e se lle insta, como condición desa concesión gratuíta que fixo o ministerio ao Concello, á desafectación dos terreos e a súa reparcelación”. “Para nós, é un asunto moi relevante nesta operación de modificación do planeamento esa mellora das dotacións deportivas da cidade”, subliñou o rexedor, para engadir que a intención do Goberno local, con esta comunicación de opción de compra, “é reformar no futuro o club deportivo, darlle maior uso e aumentar incluso as súas instalacións”.
Tal e como expuxo Ferreiro, a modificación do planeamento urbanístico faise para “dar cumprimento ao uso industrial nesas parcelas, que neste momento son libres e de dotación deportiva”. “É necesario modificar o planeamento, e para cubrir os estándares de dotacións deportivas do PXOM, se transforman en deportivos terreos da Fábrica de Armas que ata este momento eran industriais, pero cuxo uso real era deportivo”, observou. O seguinte paso, como sinalou o rexedor, é enviar esa modificación á Xunta, que será a encargada de sometela a avaliación ambiental e de revisar se se axusta ao planeamento, para despois sometela ao Pleno da Corporación municipal para a súa aprobación. “Unha vez que isto estea, iniciaríase o proceso de poxa dos bens, onde, como non pode ser doutra forma, poderá concorrer calquera, cos requisitos que se marquen nesa poxa pública, e, a partir de aí, quen gañe será quen resulte adxudicatario dos terreos. Isto non se pode facer doutra forma nunha administración pública”, recalcou, para indicar que o Concello procederá á tramitación “canto antes, para que os prazos sexan o máis rápidos posibles”.
Entre os asuntos que se aprobaron na Xunta de Goberno de hoxe, o alcalde destacou tamén a modificación da concesión do ascensor do Monte de San Pedro, que, como sinalou, “vai a permitir un aforro moi importante dos gastos que o Concello da Coruña viña soportando polo funcionamento do elevador”. Tal e como explicou, a modificación implica unha redución dos tempos de uso pero que “non vai supoñer ningunha modificación do uso público”, xa que os novos tempos abranguen máis do 85% das visitas, mentres que o aforro para o Concello alcanza o 40%.
Tamén, Ferreiro salientou a aprobación da instrución de transversalidade de xénero do Concello, que se pon en marcha a proposta da Concellería de Igualdade e Diversidade coincidindo coa semana do 8 de marzo, o Día Mundial das Mulleres, e que, como explicou, regulará cuestións relativas ao xénero no Concello, desde a comunicación aos procesos de contratación, co obxectivo de garantir que a transversalidade das políticas de Igualdade estea presente nas políticas municipais.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible