30 de septiembre de 2025
O Concello avanza coas intervencións previstas no barrio dos Mallos, onde tamén se efectuaron melloras de mobilidade en rúas como Mariana Pineda, Francisco Catoira, Borrallón e San Rosendo
Hoxe ao mediodía reabriuse ao tráfico a avenida da Sardiñeira, onde xa se completaron os traballos para renovar o firme da calzada ao abeiro das obras de reurbanización que está a executar o Concello.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, apuntou que "a reurbanización da avenida xa está na súa fase final e, tras varios días de actuacións no pavimento, vimos de habilitar a circulación de vehículos para facilitar o tránsito no barrio dos Mallos e a contorna da futura estación intermodal".
Estas actuacións, ademais de implicar a renovación do firme, tamén aparellaron tarefas de sinalización e pintado, tanto na avenida da Sardiñeira como en rúas interiores do barrio onde se acometeron cambios de sentido co obxectivo de garantir novos accesos de entrada aos Mallos e a Sardiñeira e, así, gañar conectividade interior e máis permeabilidade do tráfico rodado. Esta medida levouse a cabo en rúas como Mariana Pineda, Francisco Catoira, Borrallón e San Rosendo.
En paralelo, continúan os traballos na avenida, onde xa son visibles as novas beirarrúas, máis anchas e accesibles, e tamén o novo treito de carril bici que se construíu no contexto das obras, concibido para fomentar os desprazamentos en vehículos non motorizados tanto en dirección á estación como desde ela.
"A intermodal vai ser un revulsivo clave para Os Mallos e a Sardiñeira, mais tamén suporá un punto de inflexión en materia de mobilidade para a cidade no seu conxunto. Neste novo escenario é fundamental incentivar o uso de vehículos alternativos, e para conseguilo tamén é preciso contar coas infraestruturas necesarias, e é o que estamos a facer", razoou Díaz.
Case cinco millóns de euros de investimentos en execución no barrio
A concelleira lembrou que, ademais dos fondos que achega o Concello para facilitar a construción da intermodal, o Goberno de Inés Rey ten en execución diversas actuacións por valor de cinco millóns de euros na contorna da estación.
Esta cantidade engloba a reurbanización da avenida da Sardiñeira (1,6 millóns), cofinanciada con fondos Next Generation, tamén a construción do novo viario que conectará coa avenida de Arteixo (2,2 millóns), así como as melloras que se están a executar na avenida dos Mallos, que o Concello está a reurbanizar e onde, como paseo previo, se está a renovar a súa rede de saneamento (1 millón).

27 de febrero de 2026

18 de febrero de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible