15 de febrero de 2026
A fin de semana deportiva completouse coa celebración no Coliseum da XX Copa Cidade da Coruña de Taekwondo
O Pazo dos Deportes de Riazor acolleu este domingo as 5ª Xornadas JK-Eduka de Judo, un evento que reuniu a máis de 800 nenos e nenas en idade escolar procedentes de 20 centros da cidade e da contorna, nunha xornada centrada nos valores educativos do deporte, a convivencia e a inclusión.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, participaron no acto institucional e na entrega de medallas, nun ambiente festivo no que deporte e educación foron da man.
Durante a súa intervención, a alcaldesa destacou que "estas xornadas son un exemplo de como o deporte educa en valores e crea comunidade dende a infancia". Inés Rey tamén puxo en valor o papel do profesorado e das familias: "Aquí non só se aprende a caer e a levantarse, apréndese a compartir, a respectar, a celebrar o esforzo dos demais. E iso é o que fai cidade".
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, subliñou que "A Coruña é hoxe un referente no deporte base grazas a iniciativas como esta, que combinan aprendizaxe e inclusión". O edil tamén sinalou que "o apoio do Concello ao deporte en idade escolar é firme, porque sabemos que estamos a sementar cidadanía e futuro".
As Xornadas, organizadas polo club JK-Eduka Judo, contaron coa participación de 24 mestres e mestras, que imparten actividade deportiva ao longo do curso en centros da cidade e da comarca. O formato do evento garante a participación igualitaria de nenos e nenas, así como de rapaces con discapacidade, promovendo un modelo de xogo educativo, integrador e accesible.
A fin de semana deportiva completouse coa celebración no Coliseum da XX Copa Cidade da Coruña de Taekwondo, que reuniu a máis de 700 deportistas de toda España e Portugal. Durante a proba, que é puntuable para o ránking nacional, fíxose entrega do Premio Cidade da Coruña de Taekwondo, recoñecemento á traxectoria e valores no ámbito desta disciplina.
Durante a mañá tamén asistiron representantes dos centros escolares e das ANPAs, así como concelleiros e concelleiras de deportes de diferentes municipios da contorna, que puxeron en valor a colaboración institucional e o impulso ao deporte formativo.
O Goberno municipal reafirma así o seu compromiso co deporte base e co apoio a iniciativas que contribúan a educar a través da actividade física, apostando por espazos de inclusión, respecto e igualdade para toda a infancia coruñesa.

15 de febrero de 2026

11 de febrero de 2026

10 de febrero de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible