2 de julio de 2026
As celebracións, integradas no programa municipal de Festas nos Barrios, ofrecen concertos, verbenas, actividades populares e propostas para todas as idades
A cidade da Coruña vivirá esta fin de semana dúas novas citas co lecer e a convivencia veciñal da man das festas de Bens e da Festa dos Martelos, en San Cristovo das Viñas, ambas integradas no programa municipal de apoio ás festas de barrio. Estas celebracións, organizadas polo tecido veciñal coa colaboración do Concello, volven converter as rúas en espazos de encontro abertos á cidadanía, cunha programación variada que combina música, tradición e actividades comunitarias.
As Festas de Bens 2026 desenvolveranse do venres 3 ao domingo 5 de xullo, cun completo programa que inclúe actuacións musicais, propostas gastronómicas e actividades para todos os públicos. A programación arrincará o venres cunha churrascada popular (20.30 h) e verbena coa orquestra Los Satélites.
O sábado haberá sesión vermú co Dúo Crazy (14.30 h), seguida dunha nova degustación gastronómica e verbena co espectáculo Fania Blanco Show. O domingo será unha xornada máis tradicional e familiar, con dianas e alboradas, partido de fútbol entre veciños, misa solemne, sesión vermú con pulpo e actuación musical, festa infantil, torneo de chave e música de peche.
Pola súa banda, a Festa dos Martelos, organizada xunto coa Asociación Veciñal de San Cristovo das Viñas e Monte Martelo, celebrarase entre o 2 e o 4 de xullo na praza Agustín Díaz. O programa inclúe o pregón o xoves 2 de xullo, seguido de actuacións musicais e ambiente festivo. O venres 3 será unha das xornadas centrais, co concerto da banda América de Vigo.
O sábado 4 concentrará boa parte das actividades, con bendición de coches, gran churrascada popular, animación musical a cargo de varias formacións e unha gran verbena coa orquestra Barceló. Ademais, durante toda a xornada haberá xogos, sorteos e propostas de dinamización para públicos de todas as idades.
Impulso ao movemento veciñal
O Concello da Coruña continúa a apoiar a organización destas citas a través do programa de Festas nos Barrios, que reforza o papel do movemento veciñal na dinamización cultural e social da cidade. O Goberno de Inés Rey impulsa desde o ano pasado un sistema de concorrencia competitiva para a asignación de subvencións a entidades veciñais para a organización dos festexos, cun importe total de 500.000 euros.
"Estas festas amosan a capacidade dos barrios para xerar espazos de convivencia, participación e cultura popular", salientou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. Durante toda a fin de semana, Bens e Monte Martelo converteranse en puntos de encontro para a veciñanza e visitantes, nun ambiente festivo que reforza os lazos comunitarios e a identidade dos barrios da cidade.

23 de julio de 2026

23 de julio de 2026

22 de julio de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible