9 de febreiro de 2026
O servizo municipal foi utilizado 1.728.835 veces, superando en 385.382 o ano anterior
O servizo municipal de Bicicoruña bateu no 2025 o seu récord histórico de usos, cun total de 1.728.835. Isto supón un incremento de 385.382 respecto ao 2024. De media, 4.742 persoas usuarias utilizaron a frota de vehículos cada día, o que mostra o grande arraigo que ten entre a cidadanía o emprego deste medio de transporte sostible que, cada vez máis, se revela como unha alternativa ao uso do coche.
"A Coruña é unha cidade que pedalea. Este goberno apostou desde o principio pola sustentabilidade. Por un modelo coa mirada posta no futuro, máis ecolóxico e máis verde. Os cidadáns e as cidadás apóiannos nisto. A proba é o inmenso éxito de Bicicoruña nos últimos anos, un servizo polo que sentimos moito orgullo", subliñou a alcaldesa Inés Rey no balance do ano.
Ademais, 2025 tamén marcou o mes con maiores usos totais da historia do servizo. Foi outubro, con 203.285. "No 2019, cando entramos no Goberno, houbo en todo o ano 206.946 usos de Bicicoruña. Os números explícano moi claro. Desde que melloramos e ampliamos a rede, a cifra multiplicouse por oito. Iso chámase cumprir", engadiu Inés Rey durante a presentación dos datos, acto no que estivo acompañada pola concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.
A práctica totalidade das estacións de Bicicoruña (78 das 79) están xa operativas despois dos procesos de ampliación dos últimos anos. Tan só permanece pechada a da Intermodal, inoperativa polas obras. O total é de 1.437 ancoraxes activas e 650 bicicletas, 410 delas con apoio ao pedaleo.
Bicicoruña séguese consolidando tamén como unha forma habitual de ir e volver do posto de traballo, pois as horas con maior tráfico rexistrado coinciden coas tradicionais de entrada e saída da xornada laboral.
O impacto de Bicicoruña tamén se notou nos índices de contaminación do contorno urbano. O Concello estima que o uso das bicicletas fixo que ata 914.479 kg de CO² deixasen de emitirse á atmosfera. Este efecto axudou tamén a paliar a contaminación acústica, ao atenuar os traslados en vehículos motorizados e desconxestionar o tráfico. Á súa vez, a frota de bicicletas mellorou a comunicación de zonas tradicionalmente afastadas do centro, como o barrio de Xuxán, onde se construíron dúas estacións novas.
Ademais, no 2025 o Concello completou a segunda fase de expansión das estacións, o que supuxo un investimento de 2,5 millóns de euros. No 2019, cando o goberno asumiu as súas funcións, só había no servizo 23 estacións. O resto foron abríndose a través dos sucesivos plans de ampliación.
"Hoxe A Coruña é unha cidade que tamén se move en bici e que é un referente en España nesta modalidade de transporte. O servizo municipal naceu como un sistema deseñado para o ocio, mais conseguimos convertelo nunha rede útil para o transporte que hoxe empregan para os desprazamentos de traballo milleiros de persoas", engadiu Inés Rey.

17 de decembro de 2025

16 de decembro de 2025

15 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible