17 de abril de 2026
Gabriel Chávez Casazola e Miguel Sande protagonizarán o encontro poético do luns 20 de abril no Centro Ágora
Este vindeiro luns, 20 de abril, arrinca a programación do terceiro e último trimestre do ciclo Poetas Di(n)versos, que celebra a súa edición número 17. Estes recitais poéticos dirixidos pola Premio Nacional de Poesía Yolanda Castaño forman parte da programación cultural impulsada polo Concello nos diferentes espazos municipais da cidade. Como é habitual, a sesión será ás 20.00 horas no auditorio do Centro Sociocultural Ágora, con entrada de balde ata completar a capacidade.
"A nosa alcaldesa, Inés Rey, ten entre as súas prioridades na programación cultural este ciclo, que levamos tempo impulsando e visibilizando, chegando a acadar fitos como a participación do primeiro Premio Nobel africano, o nixeriano Wole Soyinka", indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. Nesta primeira sesión do trimestre confluirán o poeta boliviano Gabriel Chávez Casazola e o arteixán Miguel Sande.
Gabriel Chávez Casazola (Sucre, Bolivia, 1972) é poeta, ensaísta, xestor cultural e xornalista boliviano. Os seus libros están traducidos a idiomas como o inglés, francés, portugués, italiano, romanés, catalán, grego, árabe, ruso e chinés, así como ao código braille. É autor, entre outros títulos, de El agua iluminada (2010), La mañana se llenará de jardineros (2013), Multiplicación del sol (2018) ou o máis recente A la sombra de tus alas & Siete parábolas (2025).
Foi condecorado coa Medalla ao Mérito Cultural de Bolivia e gañou o Premio Editorial ao Mellor Libro do Ano no seu país. Docente universitario de Escrita Creativa, é director do obradoiro de poesía "Llamarada Verde" e da colección de poesía "Agua Ardiente" de Plural Editores. Dende hai 13 anos coordina en Santa Cruz de la Sierra (Bolivia) o Encontro Internacional de Poesía Ciudad de los Anillos
Pola outra banda, Miguel Sande (Pastoriza, Arteixo, 1961) é poeta, narrador, dramaturgo e xornalista. Licenciado en Ciencias da Información, a súa traxectoria profesional está ligada tanto á literatura como ao xornalismo, disciplina esta última na que acadou varios premios.
Co seu primeiro libro, Á alba pide comigo vivir, xa foi distinguido en 1984 co Premio Nacional de Teatro Calderón de la Barca. Igualmente, como dramaturgo, obtivo tamén o Premio Rafael Dieste con Ninguén chorou por nós, gañou o Premio Nova Dramaturxia Galega con A enterradora foi finalista do Premio Nacional de Teatro. Como narrador, en 2006, acadou o Premio Repsol de Novela con Se algún día esta muller morta, e foi finalista do Premio Nacional de Narrativa. Gañou o Premio García Barros con A candidata e foi finalista do Premio Xerais con O negociador.
No eido da poesía, en 2019 recibiu o Premio Afundación por Os filósofos xa non brindan con cicuta e tamén gañou o Premio Johán Carballeira con Brinde e desespero. Este ano, acaba de publicar o poemario Desertos (cun estudo de Pilar Pallarés), ao se cumpriren os 25 anos da edición dos seus Poemas do deserto.
Letras británicas e costarricenses conflúen con poesía galega emerxente
O trimestre de Poetas Di(n)versos continuará nos meses de maio e xuño coa participación de Simon Armitage e Luis Chaves, como artistas foráneos convidados, e Samuel Merino e Mónica Caldeiro, como representantes galegos do ciclo.
Simon Armitage é un dos poetas contemporáneos máis destacados do Reino Unido, nado en 1963 en West Yorkshire. A súa obra combina unha linguaxe accesible cunha fonda carga emocional e social, explorando temas como a vida cotiá, a memoria e a identidade. Foi nomeado Poet Laureate do Reino Unido en 2019, e tamén destaca polo seu labor como tradutor e dramaturgo.
Samuel Merino é un poeta emerxente da escena galega contemporánea, coñecido pola súa escrita directa e emocional. Nos seus textos aborda cuestións como a identidade, as relacións persoais e a experiencia vital dende unha perspectiva íntima, e conecta especialmente co público máis novo.
Luis Chaves (San José, 1969) é un dos autores máis relevantes da poesía centroamericana actual. A súa obra caracterízase por un ton coloquial e reflexivo, onde mestura o cotián co filosófico. Publicou varios libros recoñecidos internacionalmente e tamén desenvolve unha destacada carreira como editor.
Mónica Caldeiro é unha autora galega que combina a poesía cunha forte sensibilidade artística e escénica. A súa obra explora o corpo, a linguaxe e a identidade desde unha perspectiva contemporánea, cun estilo que transita entre o íntimo e o performativo, e que a sitúa como unha voz singular dentro da poesía actual.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible