20 de julio de 2022
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, anunciou hoxe a identidade da pregoneira, que está considerada como a voz millenial de toda unha xeración, con máis de 300.000 seguidores en Instagram e gañadora dun premio Ondas polo seu podcast
A lectura do pregón terá lugar o luns, 1 de agosto, desde o balcón do Palacio de María Pita e a continuación comezará, a partir das 22.00 horas, o concerto de James Blunt
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, anunciou hoxe que a encargada de dar o pregón das Festas de María Pita este ano será a cómica, presentadora e creadora de contidos Carolina Iglesias. Máis coñecida en redes sociais como 'Percebes y Grelos', esta todoterreo millenial está a poñer voz a toda unha xeración a través do programa 'Estirando el chicle' (o podcast máis escoitado do país), da creación de contidos en Youtube, (con máis de 160.000 suscriptores), ou Instagram, onde a seguen máis de 300.000 persoas.
A propia Carolina Iglesias expresaba a súa ledicia en redes sociais, coa frase "Darei o pregón das festas de María Pita. Imposible explicar á Carolina cativa de 12 anos. Na miña terra e na miña casa". A lectura do pregón terá lugar desde o balcón do Palacio de María Pita o luns 1 de agosto ás 21.00 horas. A continuación desenvolverase, a partir das 22.00 horas, o concerto do cantautor británico James Blunt, primeiro da serie de 16 recitais de pop, rock e música clásica que acollerá a praza durante o mes de agosto.
Carolina Iglesias naceu en 1993 na localidade de Santa Cruz, no municipio de Oleiros (A Coruña). Xa desde nena amosou as súas dotes para a comedia e a comunicación. Foi a cómica máis nova en facer un monólogo para Paramount Comedy, con só 18 anos. Ademais colaborou e presentou 'Vodafone Yu' de 'Los 40' durante máis de tres temporadas, o chat de 'Operación Triunfo' en 2017 y 2018 e foi colaboradora en Zapeando, Comedy Central e en 'Lo Siguiente'. Como actriz participou en series como 'Validas', de produción propia; 'Luimelia', 'Paquita Salas' ou 'Antes de Perder'.
Carolina Iglesias vén de triunfar coa gran revelación do universo podcast, 'Estirando el chicle', xunto a Victoria Martín. Ambas comezaron a gravalo desde as súas casas en pleno confinamento e hoxe contan xa cun premio Ondas en recoñecemento a "un programa rompedor na linguaxe e o enfoque que mestura humor, entrevistas e contidos sociais sen prexuízos". Actualmente tamén presenta o programa de entrevistas 'Una Caña Con', que xa vai pola súa terceira tempada e é colaboradora da Cadena SER e de RNE.
Tamén o ano pasado Carolina Iglesias foi galardoada co premio 'Elisa y Marcela' pola Asociación pola Liberdade Afectivo Sexual da Coruña (ALAS) pola súa defensa dos dereitos do colectivo LGTBI, sendo a persoa máis nova en recibir esta distinción.
"Feminista a rabiar", segundo se define, fan do cantante Raphael e do presentador Ramón García e adicta a Eurovisión, no seu perfil de Instagram Carolina Iglesias declárase "galega" e confesa que o que máis lle gusta, ademais de escribir, é facer rir.
19 de diciembre de 2025

19 de diciembre de 2025

19 de diciembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible