23 de abril de 2026
A alcaldesa destacou a importancia de reverdecer espazos emblemáticos da cidade, como os Cantóns
Hoxe plantáronse as catro faias vermellas previstas que, a partir de agora, adornarán a contorna do Obelisco -un punto histórico que ten por primeira vez poboación arbórea nas súas inmediacións-. A ampliación de elementos naturais nos Cantóns forma parte do proxecto de remodelación a grande escala que está a executarse, que recollía a renaturalización do espazo seguindo os criterios aplicados polo Goberno de Inés Rey en todas as obras públicas de urbanización.
A alcaldesa visitou esta mañá o espazo e lembrou a importancia de acometer as reordenacións urbanas sen perder a perspectiva da sustentabilidade e a creación de áreas verdes. "Este goberno plantou, desde o ano 2020, máis de 5.000 árbores na cidade, cun plan a grande escala que busca non soamente aumentar o número de plantacións, senón atopar as especies que mellor se adapten ás distintas localizacións", subliñou.
A pasada semana, o Concello completaba outra quenda de plantacións como parte da actuacións nos Cantóns, coa chegada de seis aciñeiras nas proximidades do Teatro Colón. Ademais, xa está a executarse a fase da obra que xuntará as dúas metades dos xardíns de Méndez Núñez, en que se creará un paseo que, respectando as particularidades estéticas e de vexetación de cada un dos seus tramos, presente unha maior integración e continuidade.
"O proxecto dos Cantóns vai mudar para mellor a cara dun dos eixes desta cidade. Os cambios que estamos introducindo teñen como obxectivo principal facer a zona máis agradable para vivir e máis verde para a cidadanía. E isto conséguese con investimentos públicos e proxectos transformadores ", rematou Inés Rey.

23 de abril de 2026

22 de abril de 2026

15 de abril de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible