17 de enero de 2026
O Concello puxo en marcha esta semana as tarefas de cimentación e aprovisionamento de materiais da pasarela provisional, que permitirá manter o itinerario peonil entre Catro Camiños e Os Mallos
O Concello afronta estes días os traballos previos á renovación da pasarela entre estacións que sobrevoa a avenida Alfonso Molina, unha estrutura que será obxecto de intervención coa finalidade de reforzar a súa seguridade e durabilidade de cara ao futuro, tamén para mellorar a súa accesibilidade.
As actuacións na pasarela, aprobadas na Xunta de Goberno Local e adxudicadas á empresa Seranco, esixen revisións e tarefas de soldadura en taller. Isto implicará, tal e como anunciou o Concello meses atrás, a instalación dunha pasarela provisional que permitirá manter o tránsito peonil sobre Alfonso Molina mentres se completa o saneamento e pulido da pasarela orixinal.
A colocación da pasarela provisional, que se acometerá nas vindeiras semanas, irá precedida dunha fase preliminar, que inclúe a construción das cimentacións desta pasarela -xa visibles estes días na beira de Alfonso Molina lindeira coa rúa Marqués de Figueroa- e tamén o aprovisionamento de materiais e chapas que se usarán para montar a estrutura provisional. Estes equipamentos estanse a agrupar na outra beira da avenida, preto do cruzamento coa rúa Caballeros.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, informou hoxe de que a montaxe da pasarela provisional se levará a cabo despois de que se efectúen as correspondentes probas de carga, tal e como é habitual nestes casos.
"A pasarela entre estacións é un itinerario peonil fundamental para conectar os barrios de Catro Camiños e Os Mallos, e que conta cun intenso tránsito de persoas no día a día. Por iso é tan importante que non se interrompa este percorrido, e a pasarela provisional garantirá que así sexa. Desta forma, poderemos actuar mentres tanto sobre a pasarela orixinal, que é preciso adecuar e mellorar atendendo tanto ao impacto derivado do seu uso diario como pola súa exposición ás inclemencias meteorolóxicas", indicou Díaz.
A edil lembrou que o Executivo local vén traballando arreo na conservación e no mantemento destas estruturas desde o pasado mandato, actuando nas pasarelas que sobrevoan a avenida da Pasaxe, a da rolda de Nelle coa Falperra e tamén a que dá acceso ao parque de Santa Margarida sobre a avenida de Arteixo. "É un traballo de continuidade, a cotío menos perceptible e tal vez non tan espectacular como outras obras, mais importantísimo para os efectos de mobilidade para a veciñanza, porque permite conectar barrios da cidade e facelo, ademais, dunha maneira accesible", razoou.

15 de enero de 2026

17 de diciembre de 2025

15 de diciembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible