3 de marzo de 2023
É rotundamente falso que o Concello pretenda aplicar un canon ao R.C. Deportivo polo uso do estadio de Riazor
O presidente do R.C. Deportivo, Antonio Couceiro, compareceu esta mañá diante dos medios de comunicación realizando unha serie de afirmacións non veraces que afectan ao Concello da Coruña. O señor Couceiro expresou que é intención do Concello da Coruña gravar o club cun canon polo uso do Estadio Municipal de Riazor.
O Concello da Coruña quere facer as seguintes aclaracións.
O R.C. Deportivo da Coruña ten cedido o uso do Estadio Municipal de Riazor, cesión regulada por un convenio en vigor que non contempla o cobro polo emprego de ditas instalacións.
O presidente do Deportivo da Coruña, señor Couceiro, ten unha proposta de novo convenio remitida desde o Concello o 4 de novembro do 2021, proposta que a día de hoxe aínda non tivo resposta. En dita proposta, que ten o club por escrito, non figura ningún cobro ao Dépor polo uso das instalacións de Riazor, instalacións que son municipais e nas que este Concello investiu 9 millóns de euros para a substitución da cuberta no ano 2018 sen que o club tivese que facer achega algunha para dita mellora.
É rotundamente falso que o Concello pretenda aplicar un canon ao R.C. Deportivo polo uso do estadio de Riazor. É rotundamente falso que se lle comunicase ao club que existe intención de establecer un canon polo uso de ditas instalacións, que poderá seguir empregando de balde como fixo ata agora. O Concello esixe ao presidente do club unha retractación pública por ter realizado afirmacións que nada teñen que ver coa realidade e nas que atribúe a este Concello unha intención oposta á que defende o Concello da Coruña a través dos seus lexítimos representantes.
O Concello da Coruña quere transmitir aos xogadores do Depor e á súa afección todo o seu apoio para o partido que o domingo enfronta ao Deportivo coa Real Balompédica Linense, partido no que o noso club loitará por tres puntos que o poden situar na primeira posición. É pois, unha semana importante para encarar o desexado ascenso, unha semana na que non deberían xurdir elementos que distorsionen a necesaria consecución dos obxectivos deportivos. Agardamos que as declaracións feitas polo seu presidente non distraían a xogadores e afección do auténtico fin, o ascenso, e trasladamos a ambos unha mensaxe de apoio no deportivo e de tranquilidade no económico, pois é falso que o Concello tivese ou teña nin interese, nin intención de establecer un canon ao Deportivo polo uso do Estadio Municipal de Riazor, algo que o club sabe e coñece pois ten por escrito desde novembro do 2021 unha proposta de convenio na que non se establece canon ningún.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible