4 de junio de 2025
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, reuniuse co conselleiro de Cultura, José López Campos, para avanzar no modelo de conservación das pinturas
O Concello da Coruña e a Xunta de Galicia acordaron este mércores 4 de xuño que os murais de Urbano Lugrís que se atopan no baixo dos número 25 e 27 da rúa Olmos permanezan no seu emprazamento actual coa intención da apertura dun lugar que poña en valor a obra do artista. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou esta mañá na primeira reunión da mesa de diálogo aberta coa Xunta de Galicia, que estivo representada polo concelleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, para analizar o informe técnico de avaliación das pinturas e afondar nas diferentes alternativas para a súa conservación. A este encontro tamén estaba convocada a área de Cultura da Deputación, que non asistiu.
"Desde o Goberno de Inés Rey temos claro que os murais de Lugrís son un ben cultural de primeira orde para a cidade e, polo tanto, avogamos por un acordo entre as distintas administracións para a súa preservación e apertura á cidadanía", sinalou Gonzalo Castro. Esta reunión dá cumplimento ao acordo aprobado por unanimidade polo pleno do Concello da Coruña e do Parlamento de Galicia que instaba ás administracións implicadas a iniciar un diálogo para a recuperación dos murais. Nesta primeira xuntanza da mesa de diálogo chegouse á conclusión de que os murais permanezan no espazo actual ante o alto custe e risco que suporía un traslado destas 12 pinturas a outras dependencias.
Castro amosou á Xunta a predisposición do Concello para xestionar este espazo e crear unha nova dependencia cultural aberta á cidadanía para poñer en valor o legado de Urbano Lugrís. O pasado 2024 comezou o proceso para declarar como Ben de Interese Cultural aos murais logo dos informes municipais e autonómicos que así o requirían e co obxectivo de outorgarlle a máxima protección para a súa conservación e posta en valor. Estas pinturas son, na actualidade, propiedade da Xunta de Galicia, mentres que os baixos nos que se atopan pertencen a un particular.
Tanto o Concello como a Xunta emprazáronse a unha nova reunión para estudar os seguintes pasos a dar para proceder á restauración das pinturas e a apertura deste local da rúa Olmos. Nese futuro encontro, ambas as partes manifestaron a súa vontade de que a área de Cultura da Deputación poida estar presente.
19 de diciembre de 2025

18 de diciembre de 2025

18 de diciembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible