9 de octubre de 2024
Inés Rey: “A reforma tivo como obxectivo principal reordenar o espazo para facelo máis funcional e accesible”
A intervención contou cun investimento de 929.459,55 euros, un dos máis relevantes realizados no barrio
A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá o novo Centro Cívico Municipal do Birloque, reformado integralmente para o seu uso social, cultural, educativo e veciñal por parte de todas as veciñas e veciños do barrio. A intervención contou cun investimento de 929.459,55 euros, un dos máis relevantes realizados no barrio. Rey, acompañada das concelleiras de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa; e Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas; explicou as actuacións realizadas no edificio: "A reforma tivo como obxectivo principal reordenar o espazo para facelo máis funcional e accesible, máis cómodo para os usuarios e usuarias, e cun mellor servizo" sinalou a rexedora.
De acordo coas actuacións levadas a cabo, en primeiro lugar o Concello demoleu a estrutura interior, retirou tabiques e levantou o acabado do chan. Ademais, actuouse en toda a envolvente para adaptala á nova estrutura en anel. Coa reforma, na zona central sitúanse todos os cuartos e almacéns, e déixase o anel exterior para albergar as salas e os despachos.
Ademais, reservouse a fachada principal do edificio para dispoñer os accesos ao centro e ás salas que funcionan de forma independente. Estas son a sala de servizo da Cociña Económica, a sala de actividades, con almacén e outros dous aseos; e a sala TEU, con cociña e dous aseos, que calquera pode solicitar para organizar eventos. Todas elas contan con acceso directo desde o exterior, o que permite que poidan ser utilizadas sen necesidade de que o resto do centro permaneza aberto.
En canto á fachada posterior, situáronse tres salas de actividades que conectan directamente coa terraza, pensando que a súa actividade poida ser susceptible de moverse ao aire libre. Para dotar dunha maior versatilidade aos tres espazos dividíronse mediante tabiques móbiles, permitindo que se poidan levar a cabo tres actividades diferentes ao tempo.
Tamén se localizan tres despachos que serán ocupados por persoal de Servizos Sociais e funcionarán como punto de atención social, e contan cunha sala de espera para servizos sociais, unha sala de reunións, unha de informática e dous despachos para uso por parte das asociacións, un deles destinado á Federación Provincial de Asociacións Veciñais da Coruña, cuxo local xa estaba localizado no edificio. A presidenta da entidade, Luisa Varela, acompañou á alcaldesa e ás edís do Goberno na visita. A todos os espazos se pode acceder dende a fachada principal e dende o anel central onde se localizan os aseos, o almacén e a conserxería.
Así mesmo, Rey anunciou que o Centro Cívico do Birloque se completará co servizo de cafetaría: "Este mesmo mes sacaremos a licitación a súa xestión co obxectivo de dar un servizo completo no centro cívico" sinalou. A alcaldesa chamou os veciños e veciñas do Birloque a gozar do renovado espazo para que "o centro pase a encherse de actividades, de persoas e en definitiva, de vida de barrio" concluíu.
Curso de capacitación dixital no Birloque
A alcaldesa explicou que no novo centro xa se están a impartir actividades educativas. "Hoxe mesmo comezou un curso de capacitación dixital de trinta horas para 15 persoas. O curso, que será impartido en horario de mañá, das 9.30 ás 13.30 horas, forma parte da subvención recibida polo Concello da Coruña do Ministerio de Educación e Formación Profesional para a creación dun centro de capacitación dixital municipal no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation.
O Concello da Coruña foi unha das oito entidades galegas á que lle foi concedida esta axuda e a única cidade, xunto con Vigo, en obter os fondos para a creación do centro e pasando a formar parte da rede estatal de Centros de Capacitación Dixital que teñen como meta facilitar o acceso á formación dixital da cidadanía, especialmente dos colectivos con risco de exclusión dixital.

15 de julio de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible