1 de marzo de 2022
A rúa do Torre e o Campo da Leña foron o epicentro das actividades festivas durante a xornada, con protagonismo para os máis pequenos e tamén os choqueiros
O Entroido da Coruña chegou hoxe ao seu penúltimo día de celebración nun intenso Martes de Entroido, coa rúa da Torre e o Campo da Leña como puntos de atracción dunha xornada festiva no que o protagonismo recaiu nos máis pequenos e tamén os choqueiros.
As actividades polo Martes do Entroido comezaron, ás 12.00 horas, coas ofrendas florais na honra de catro célebres choqueiros da cidade: Fernando Amaro 'Cantero', Canzobre, César San José e Juan Manuel Iglesias Mato 'Palau'. A primeira das homenaxes foi a 'Cantero' na rúa Arenal, 41, ás 12.00 horas. Ás 13.15 tivo lugar a ofrenda a Canzobre na praza do Parque. Posteriormente, xa ás 13.45 horas, presentouse a placa conmemorativa na rúa San Xosé na honra de Luis Ramón Pegerto Rodríguez e tamén houbo unha homenaxe floral a César San José no mesmo lugar. Por último, ás 14.30 horas, levouse a cabo a ofrenda floral a 'Palau' na praza Juan Manuel Iglesias Mato, na confluencia entre as rúas San Xosé e San Xoán, no barrio de Monte Alto.
Neste sentido, e como novidade, o Concello da Coruña promoveu este ano a creación do 'Andar do Antroido', un paseo da fama que anualmente lle dedicará unha lousa de pedra a un persoeiro destacado do noso Entroido. A alcaldesa da cidade, Inés Rey, foi a encargada de destapar o pasado venres a lousa na honra de 'Cantero'.
Todos os gañadores do Concurso Infantil de Disfraces e o Concurso de Choqueiros
Ademais, esta tarde tivo lugar o Concurso Infantil de Disfraces no Campo da Leña. O acto, que comezou ás 17.00 horas, contou coa actuación do grupo Los Mecánicos. A competición foi plantexada en diferentes modalidades (Infantil Individual, Infantil Grupal, Choqueiro Individual e Choqueiro Grupal), sendo 'Aurora Boreal', 'Piratas', 'Ourizo' e 'Carriño dos Xeados' os gañadores despois da avaliación do xurado.
A continuación, ás 19.00 horas, comezou a Festa Choqueira e o seu concurso de adultos, coa rúa da Torre como epicentro da actividade e coa actuación en directo de Virtual Project. Xa ás 21.00 horas celebrouse a entrega de premios, con 'Dragón' e 'Zara' como gañadores nas categorías de Individual e Grupal, respectivamente. Tanto este concurso como o infantil estiveron protexidos da chuvia grazas a unha grande estrutura situada no Campo da Leña.
A alcaldesa, Inés Rey, foi a presidenta do xurado de ámbolos dous concursos. Ademais de destacar a imaxinación e creatividade de todas e todos os participantes, Rey tamén quixo agradecer o "comportamento exemplar da cidadanía durante as celebracións do Entroido".
O punto e final ao Entroido, este mércores en Santo Amaro
Xa este mércores, 2 de marzo, o Entroido da Coruña chegará á súa conclusión co tradicional Enterro da Sardiña na praia de Santo Amaro, en Durmideiras. Nesta ocasión, polo 175 aniversario da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesáns da Coruña, o velorio da sardiña celebrouse na súa sede, situada na rúa de San Andrés, 36.
Mañá, Mércores de Cinza, as socias e socios da entidade conducirán á sardiña ata a rúa Arenal, desde onde partirá o desfile ás 20.30 horas en dirección ao Campo da Leña. Xa ás 21.00 horas, procederase á desentronización do Deus Momo e, a continuación, a comitiva irá á praia de Santo Amaro, onde se procederá ao enterro. A fin da festa chegará ás 21.30 horas, cunha sesión de fogos de artificio para despedir o Entroido da Coruña 2022.

20 de diciembre de 2025

19 de diciembre de 2025

18 de diciembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible