12 de agosto de 2026
O Teresa Herrera continuará mañá co encontro feminino entre o Dépor ABANCA e o FC Porto e cunha nova edición do Mini Teresa Herrera
A alcaldesa destacou o vínculo histórico do torneo coa Coruña nunha edición marcada polo regreso do Real Madrid trece anos despois e pola coincidencia coa eclipse total de Sol
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este mediodía no Palacio Municipal de María Pita a recepción institucional con motivo dunha nova edición do Trofeo Teresa Herrera, que esta noite enfrontará en Riazor ao Real Club Deportivo e ao Real Madrid.
No acto participaron o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez; o conselleiro do Real Club Deportivo, Carlos Ballesta; o representante do Dépor ABANCA, Kevin Cabado; o vogal da Xunta Directiva do Real Madrid, José Manuel Otero Lastres; o presidente da Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto; e o presidente da AFAC, Juan Carlos Vázquez. Tamén asistiron o subdelegado do Goberno, Julio Abalde; a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo; e membros da Corporación municipal.
Rey deu a benvida aos representantes dos clubs nunha xornada especialmente sinalada para a cidade e puxo en valor a vixencia dunha competición que leva oito décadas estreitamente ligada á Coruña e a Riazor.
"O Teresa Herrera é competición, por suposto, pero é tamén encontro. Unha oportunidade para recibir na Coruña a grandes clubs, compartir fútbol e manter viva unha tradición que forma parte xa da identidade da cidade", sinalou a alcaldesa.
A edición deste ano reúne no partido masculino aos dous equipos que máis veces conquistaron o trofeo. O Deportivo encabeza o palmarés con 26 títulos, seguido polo Real Madrid, con 9. O conxunto branco regresa, ademais, ao Teresa Herrera trece anos despois da súa última participación.
Rey destacou a satisfacción de volver recibir na cidade ao Real Madrid, "un club co que o Deportivo compartiu tantos grandes partidos e tantos momentos da nosa historia futbolística", e agradeceu a súa participación nesta edición do torneo.
Unha xornada marcada pola eclipse total de Sol
A celebración do partido masculino coincide este mércores cun acontecemento excepcional para A Coruña: a eclipse total de Sol que será visible desde a cidade poucas horas antes do encontro en Riazor.
"Non todos os días temos unha eclipse e un Teresa Herrera na mesma tarde. Así que creo que podemos dicir que hoxe A Coruña ten unha cita dobre coa historia", sinalou Rey, que confiou en que a cidade volva responder como o fai sempre nas grandes ocasións.
O Teresa Herrera continuará mañá co fútbol feminino, co encontro entre o Dépor ABANCA e o FC Porto. A alcaldesa agradeceu tamén a participación do club portugués, cuxos representantes finalmente non puideron estar presentes na recepción celebrada hoxe en María Pita.
Rey puxo en valor o papel do fútbol feminino e das novas xeracións na continuidade do torneo. Neste sentido, destacou tamén a celebración dunha nova edición do Mini Teresa Herrera e agradeceu o traballo da AFAC para facer posible unha cita que permite aos nenos e nenas do fútbol base vivir e sentir desde pequenos unha das grandes tradicións deportivas da cidade.

9 de agosto de 2026

4 de agosto de 2026

2 de agosto de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible