3 de junio de 2026
A alcaldesa asinou a Declaración de Bilbao xunto co alcalde da cidade, Juan Mari Aburto, á que se sumaron as cidades de Donostia/San Sebastián, Gijón/Xixón, Braga, Brest Métropole, Den Helder ou Viana do Castelo
Durante a apertura da asemblea, Rey defendeu o papel das cidades na construción da futura Macrorrexión Atlántica e reivindicou unha maior participación dos gobernos locais nos procesos de decisión europeos. "Somos a administración máis próxima á cidadanía e tamén quen transforma as estratexias europeas en políticas concretas", sinalou a alcaldesa. Na súa condición de presidenta dea rede, destacou que o proceso de creación da Macrorrexión Atlántica representa "unha oportunidade histórica para reforzar a voz do Arco Atlántico en Europa e impulsar proxectos comúns en ámbitos como a mobilidade e comunicacións, a innovación ou o espazo público".
Como peche do encontro, as cidades membros aprobaron e asinaron a Declaración de Bilbao 2026, un documento político que expresa o compromiso dos municipios atlánticos coa construción dunha Macrorrexión Atlántica forte, sostible e cohesionada, e que reivindica o papel das cidades como actores clave na súa futura gobernanza: "A Declaración de Bilbao é unha mensaxe clara de unidade. As cidades atlánticas compartimos desafíos, pero tamén unha enorme capacidade para construír solucións conxuntas. O Atlántico debe ter unha voz propia no futuro de Europa", afirmou Rey tras a súa aprobación. Xunto con A Coruña e Bilbao, asinaron a declaración representantes municipais de Biarritz, Braga, Brest Métropole, Den Helder, Donostia/San Sebastián, Gijón/Xixón, Viana do Castelo, Santander e Las Palmas de Gran Canaria, así como da Deputación Foral de Gipuzkoa.
Mesa redonda sobre o futuro da Macrorrexión Atlántica
A programación concluíu cunha mesa redonda dedicada á construción da futura Macrorrexión Atlántica, na que Inés Rey participou como alcaldesa da Coruña e presidenta de Atlantic Cities xunto a representantes das principais institucións e organizacións implicadas no desenvolvemento do espazo atlántico. No debate interviron Arola Urdangarin Ferreira, asesora da Secretaría Xeral de Acción Exterior e Euskadi Global do Goberno Vasco; Ekaitz López Amurrio, director Económico-Financeiro da Autoridade Portuaria de Bilbao; Guillermo Miró, adxunto á Dirección da Cámara de Comercio de Bilbao e representante da Alianza de Cámaras de Comercio do Atlántico; Ricardo Cao, reitor da Universidade da Coruña e secretario xeral de CRUSOE; Manuel Pérez Álvarez, presidente do Consello Económico de Galicia e da Rede Transnacional Atlántica; e Marian Elorza, directora xeral da Fundación E-Atlantic.
Durante a sesión, os participantes coincidiron en sinalar que a futura Macrorrexión Atlántica debe servir para reforzar a cooperación entre cidades, rexións, universidades, portos, tecido empresarial e sociedade civil, dotando ao Arco Atlántico dunha maior capacidade de influencia nas políticas europeas e dunha visión compartida sobre cuestións estratéxicas como a conectividade, a innovación, a transición ecolóxica ou a economía azul. Pola súa banda, Inés Rey defendeu que as cidades deben ocupar un lugar estable nos órganos de gobernanza da futura macrorrexión. "As cidades somos onde se concretan os grandes obxectivos europeos. Por iso debemos participar non só na execución das políticas, senón tamén no seu deseño", afirmou.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible