10 de agosto de 2026
O profesor Takaaki Kajita, premio Nobel de física no 2015, acudiu pola tarde ao palacio municipal de María Pita, onde foi recibido pola rexedora
A alcaldesa, Inés Rey, participou hoxe no acto de inauguración do congreso internacional Invisibles26, que está a celebrarse na Coruña ata o próximo 14 de agosto. Trátase dun encontro científico de primeiro nivel dedicado ao estudo da Física dos sectores invisibles do Universo, organizado no marco do proxecto europeo Asymmetry, do Marie Skłodowska-Curie Staff Exchange, financiado pola Unión Europea a través do programa Horizonte Europa. O proxecto ten como obxectivo fomentar a colaboración internacional, intersectorial e interdisciplinar en investigación e innovación mediante os intercambios e diálogos entre o persoal investigador.
A alcaldesa estivo acompañada polo premio Nobel de Física do ano 2015, o profesor Takaaki Kajita; pola profesora Pilar Hernández Gamazo, catedrática de Física Teórica da Universitat de Valencia e coordinadora da Red Invisibles; a Dra. Carmen Cotelo Queijo, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e a profesora María Belén Gavela Legazpi, catedrática de Física Teórica da Universidad Autónoma de Madrid e membro do Comité Científico do Congreso.
No seu discurso, Inés Rey reivindicou o traballo dos investigadores científicos e a colaboración das institucións públicas e o ámbito académico. "Os servidores públicos tamén temos unha tarefa crucial, un deber para con as e os profesionais da ciencia: facilitar o traballo, tender a man e crear as condicións para que as grandes mentes prosperen e a roda da investigación siga xirando. Nesta cidade, levamos anos predicando co exemplo, buscando o crecemento das nosas universidades, procurando manter o atractivo para proxectos pioneiros -tanto de carácter público coma privado- e, sobre todo, apostando pola educación como o máis importante para alcanzar un futuro brillante", subliñou.
Ademais, o 12 de agosto de 2026, coincidindo coa celebración do congreso, terá lugar a eclipse total de sol, un acontecemento astronómico extraordinario que situará a cidade no foco da atención científica e mediática internacional.
Invisibles26 reunirá estes días na Coruña algunhas das institucións máis influentes do mundo en Física de Partículas, Cosmoloxía e Astrofísica e combinará grandes universidades e laboratorios internacionais cunha sólida rede europea de excelencia científica. Entre as entidades organizadoras e participantes, figuran institucións de referencia global como Harvard University, Massachusetts Institute of Technology, University of Tokyo, University of California Berkeley - Lawrence Berkeley National Laboratory (LBNL), o CERN e o Fermi National Accelerator Laboratory. Xunto a elas, o congreso contará coa participación de todos os beneficiarios europeos do proxecto Asymmetry.
Takaaki Kajita en María Pita
Pola tarde, o Premio Nobel xaponés Takaaki Kajita foi recibido pola alcaldesa en María Pita, onde o profesor recibiu a benvida á cidade, á que asistiu para ser o relator inaugural do congreso Invisibles26. "Sempre é un honor recibir nesta cidade e neste concello mentes tan brillantes como a do profesor Kajita, que é unha das figuras máis importantes da Física mundial e que é, ademais, un exemplo pola súa humanidade e humildade", apuntou Inés Rey.
O profesor Takaaki Kajita, doutor en Física pola Universidade de Tokio, foi galardoado co Premio Nobel de Física en 2015 polo descubrimento da oscilación dos neutrinos. Non é a primeira vez que a alcaldesa recibe un Premio Nobel no Pazo Municipal. No mes de xaneiro, xa estivo co escritor nixeriano Wole Soyinka, Premio Nobel de Literatura en 1986 e unha das voces máis destacadas da literatura africana contemporánea.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible